Medio Rural
Inicio >> Anuncios >> Avisos >> Rematados >> Infraestruturas >> Aviso
  • Aviso rematado
Data comezo: 05-06-2008

Aprobadas as bases definitivas da concentración parcelaria de Duxame-Insua- Portodemouros (Vila de Cruces)
[05/06/2008]

Resolución do 25 de abril de 2008, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se fai pública a aprobación das bases definitivas de concentración parcelaria da zona de Duxame-Insua-Portodemouros (Vila de Cruces-Pontevedra).

O Servizo de Infraestruturas e Estruturas Agrarias de Pontevedra pon en coñecemento dos interesados na concentración parcelaria da zona de Duxame-Insua-Portodemouros (Vila de Cruces-Pontevedra), declarada de utilidade pública e urxente execución polo Decreto 73/2000, do 23 de marzo, que a xunta local da zona, na súa reunión do día 22 de abril de 2008, unha vez introducidas as modificacións oportunas, e á vista do resultado das alegacións ás bases provisorias, aprobou as bases definitivas de concentración parcelaria, que serán notificadas individualmente a cada un dos afectados. As mencionadas bases estarán expostas ao público no local da Casa do Concello de Vila de Cruces e nos lugares de costume da zona durante o prazo de interposición de recursos, de conformidade co que determina a Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro.

Os documentos que se poden examinar refírense á determinación do perímetro (colección de plans cos predios incluídos e excluídos e relación destes), á clasificación de terras e fixación dos coeficientes, que servirán de base para facer as compensacións que sexan necesarias e a determinación dos propietarios e titulares de gravames e outras situacións xurídicas cuxa titularidade se declara formalmente.

Contra estas bases, os interesados poderán interpoñer, por si mesmos ou por representación, recurso de alzada ante o conselleiro do Medio Rural, dentro do prazo de trinta días contados desde o seguinte ao da recepción da notificación individual ou da publicación no Diario Oficial de Galicia para os que non puideren ser notificados individualmente. Os recursos poderanse presentar no rexistro da Delegación Provincial do Medio Rural -sito na rúa Benito Corbal, 47, 4º, de Pontevedra-, no rexistro xeral da consellería -sito no edificio administrativo de San Caetano, s/n., de Santiago de Compostela-, ou en calquera das dependencias a que fai referencia o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Desde o día 1 de xullo de 2006, data en que tivo entrada en vigor o Decreto 105/2006 (DOG do 30 de xuño), polo que se regulan as medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais, deberase ter en conta o establecido nos seus artigos 21 e seguintes para evitar posibles danos nos predios en cuestión, así como a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (DOG do 17 de abril).


Máis información
arquivocp_duxame_insua_portodemouros.pdf (27 Kb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS