Medio Rural
Inicio >> Anuncios >> Axudas >> Rematadas >> Agricultura >> Axuda
  • Axuda rematada

Axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios
[07/01/2009]

Orde do 29 de decembro de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2009.

Obxecto e beneficiarios
Establecer as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios e convocalas para o ano 2009, para os seguros incluídos no plan de seguros agrarios combinados para o exercicio 2009, ao abeiro do previsto no Decreto 332/1995, do 27 de decembro, polo que se establecen en Galicia axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios.

A Consellería do Medio Rural concederá estas axudas en réxime de concorrencia e poderán ser beneficiarios das axudas os asegurados titulares de explotacións agrarias situadas en Galicia, sempre e cando subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas do plan 2009 e liñas gandeiras dos plans 2008 e 2009, e cumpran o establecido no Decreto 332/1995 e nesta orde. Tamén poderán ser beneficiarios destas axudas os que subscriban, durante o ano 2009, seguros de liñas de cultivos agrícolas que lles dean cobertura ás colleitas que se leven a cabo no ano 2010.

Estas axudas exceptúanse do requisito de fixar unha orde de prelación das solicitudes, procedéndose ao pagamento destas ata o esgotamento do orzamento consignado.

As subvencións establecidas nesta orde non serán de aplicación nas pólizas de seguros contratadas por asegurados que teñan a consideración de administracións públicas.

Entidades aseguradoras autorizadas
A subscrición do seguro realizarase exclusivamente a través das entidades aseguradoras autorizadas polo Ministerio de Economía e Facenda e incluídas na Agrupación Española de Entidades Aseguradoras dos Seguros Agrarios Combinados, S.A. (Agroseguro), ou a través dos axentes de seguros autorizados de conformidade co previsto na Lei 87/1978, do 28 de decembro, de seguros agrarios combinados e demais normativa de desenvolvemento.

A contratación con estas entidades poderase realizar de forma individual ou ben de forma colectiva por medio de tomadores de seguros. Non obstante, soamente aqueles tomadores que se inscriban no Rexistro de Tomadores da Entidade Estatal de Seguros Agrarios (Enesa) poderán percibir as subvencións públicas adicionais que por contratación colectiva se establezan.

Liñas de seguros subvencionables e contía das axudas
Para o ano 2009 a subvención da Consellería do Medio Rural queda establecida para as liñas de contratación dos grupos establecidos no anexo que se xunta a esta orde do seguinte xeito:

  • Para todas as liñas agás as do grupo VI, unha porcentaxe sobre a axuda á contratación que lles conceda Enesa, que será variable segundo as liñas, na contía que se especifica no anexo.
  • Para as liñas do grupo VI correspondente aos seguros de cobertura de gastos derivados da destrución de animais bovinos mortos nas explotacións e gastos derivados da destrución de animais non bovinos mortos nas explotacións, incluídas as modalidades de renovables, unha porcentaxe sobre o custo neto do seguro especificado no anexo.

A concorrencia das axudas das administracións públicas non superarán as porcentaxes máximas establecidas nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario para atender posibles perdas causadas por desastres naturais e acontecementos de carácter natural ou por fenómenos climáticos adversos asimilables a desastres naturais. Para asegurar o cumprimento desta normativa, as subvencións terán os seguintes límites:

  • A subvención conxunta de Enesa e da Consellería do Medio Rural non poderá sobrepasar un límite xenérico do 80% do custo do seguro:
  • Existirán uns límites específicos sobre o custo do seguro das seguinte contías:
    • Seguros de explotación de gando do grupo IV: 65%.
    • Seguro de explotación de uva de viño: 67%.
    • Seguro combinado e de danos excepcionais de uva de viño: 65%.
    • Seguro de kiwi e cereixa: 74%.

Financiamento
Para a concesión das axudas reguladas nesta orde existe crédito adecuado e suficiente con cargo ao proxecto de orzamentos xerais de Galicia para o ano 2009, por un importe total de 7.800.000,00 euros, que poderá verse incrementado con outros remanentes orzamentarios e sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias, na aplicación 2009 11.03. 713C 7723 código de proxecto (2009 00695).


Máis información
arquivoseguros_agrarios_09.pdf (100 Kb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS