Medio Rural
Inicio >> Anuncios >> Axudas >> Rematadas >> Agricultura >> Axuda
  • Axuda rematada
Prazo: 4-2-2009 ao 3-3-2009

Reparación de danos polo temporal nas explotacións agrícolas e gandeiras
[03/02/2009]

Orde do 2 de febreiro de 2009 pola que se convocan axudas para as explotacións agrícolas e gandeiras ao abeiro do Decreto 13/2009, do 29 de xaneiro, de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polo temporal acaecido en Galicia a partir do 23 de xaneiro.

Corrección de erros.

Obxecto, ámbito de aplicación e natureza das axudas
Desenvolver o réxime de axudas establecidas no Decreto 13/2009, do 29 de xaneiro, que regula as axudas para a reparación dos danos e, se é o caso, perdas, causados polo temporal que afectou Galicia os días 23 e 24 de xaneiro de 2009, no ámbito das competencias da Consellería do Medio Rural e que esta conceda con cargo aos seus orzamentos.

Poderán ser obxecto de axuda a reparación dos danos e perdas causados en explotacións agrícolas e gandeiras, tanto nas instalación e edificacións propias da actividade como nas producións afectadas, que non fosen cubertas polas medidas que puidesen adoptar outras administracións ou por calquera fórmula de aseguramento, público ou privado.

As axudas concederanse en réxime de concesión directa e serán financiadas con cargo aos orzamentos da Consellería do Medio Rural.

A concesión destas axudas terá carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, de que poidan ser beneficiarios os afectados e cando os citados sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, serán compatibles en concorrencia con otras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos e recursos, procedentes de sistemas públicos ou privados, estatais ou internacionais, ata o límite do valor do dano ou perda producido.

Requisitos das persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas que teñan a condición de agricultor/a profesional, entendido como a persoa física titular dunha explotación agrícola, gandeira ou forestal, que requira un volume de emprego de, polo menos, unha unidade de traballo anual e que obteña, polo menos, o 25% da súa renda de actividades agrarias.

Poderán selo, así mesmo, as persoas, físicas ou xurídicas, titulares destas explotacións que, non reunindo as características de agricultor profesional, empreguen, polo menos, media unidade de traballo anual.

Actividades subvencionables
Será obxecto de axuda a reparación dos danos, nas explotacións agrícolas e gandeiras, directamente derivados do temporal acaecido os días 23 e 24 de xaneiro, así como as perdas sufridas ata a completa recuperación da actividade, especificados nos anexos II, III e V.

Poderán ser obxecto de axuda outros danos e perdas non previstos neses anexos, logo da oportuna comprobación e valoración polos servizos técnicos da Consellería.

Determinación da axuda
As axudas concederanse consonte os seguintes criterios:

  • No caso de explotacións agrícolas, as perdas de produción computaranse, na produción esperada para a campaña, segundo os valores máximos auxiliables no anexo II.
  • No caso de danos en bens, equipamentos e maquinaria, especifícanse os valores de substitución e reparación máximos auxiliables para os bens danados, no anexo III.
  • No caso de gando poderá concederse unha axuda consonte os baremos especificados no anexo V.

No suposto de que os danos producidos nas explotacións agrícolas ou gandeiras non estean recollidos nos anexos anteriores, os servizos técnicos da consellería comprobarán os danos causados que haxa que reparar mediante estas axudas e emitirán informe coa súa valoración.

Prazo de presentación
As solicitudes de axuda presentaranse no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Financiamento
As axudas económicas reguladas nesta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 11.03.713C.774.0 dos orzamentos xerais de Galicia para o ano 2009 e polo importe de 4.000.000,00 euros. Esta cantidade poderá ser incrementada con fondos adicionais procedentes desta ou outras administracións.

A concesión das axudas estará sometida á condición de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.


Máis información
arquivodanos_temporal_2301.pdf (219 Kb)

arquivoce_danos_temporal_2301.pdf (28 Kb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS