Medio Rural
Inicio >> Anuncios >> Axudas >> Rematadas >> Agricultura >> Axuda
  • Axuda rematada
Prazo: 10-3-2009 ao 9-4-2009

Promoción, modernización e dimensionamento do asociacionismo agrario en Galicia
[09/03/2009]

Orde do 27 de febreiro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a promoción, modernización e dimensionamento do asociacionismo agrario en Galicia e se convocan axudas para o ano 2009.

Obxecto e ámbito de aplicación
Establecer as bases reguladoras das axudas ás cooperativas agrarias, cooperativas de explotación comunitaria da terra e sociedades agrarias de transformación, en diante (SAT), e ás entidades representativas delas, que desenvolvan a súa actividade e que estean domiciliadas en Galicia, para a promoción, modernización e dimensionamento do asociacionismo agrario, e convocalas para o ano 2009 en réxime de concorrencia competitiva.

Liñas de axuda
Esta orde establece as seguintes liñas de axuda, estruturadas nas seguintes seccións:

  1. Sección primeira: axudas para o fomento do asociacionismo, modernización e dimensionamento das entidades asociativas agrarias cuxa finalidade sexa desenvolver actividades na fase de produción agraria.
  2. Sección segunda: axudas para o fomento, modernización e dimensionamento das entidades asociativas agrarias, cuxa finalidade sexa a transformación e/ou comercialización.
  3. Sección terceira: axudas de apoio á modernización da xestión empresarial das entidades asociativas agrarias.
  4. Sección cuarta: axudas ás organizacións representativas das cooperativas agrarias galegas.


Axudas para o fomento do asociacionismo, modernización e dimensionamento das entidades asociativas agrarias cuxa finalidade sexa desenvolver actividades na fase de produción agraria

Obxecto
Fomentar o dimensionamento das explotacións agrarias para favorecer un maior equilibrio dos seus factores de produción, unha maior concentración dos recursos produtivos, en especial a base territorial e a man de obra, conducentes a unha maior produtividade, eficiencia produtiva e melloras ambientais, así como unha mellora das condicións de traballo na actividade agraria.

Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios das axudas nesta sección.

  • As cooperativas agrarias, cooperativas de explotación comunitaria da terra e SAT, que acrediten ser titulares de explotación agraria.
  • As cooperativas agrarias e SAT, que teñan como obxecto social prioritario desenvolver actividades na fase de produción agraria.

Conceptos subvencionables
Os investimentos derivados das actuacións recollidas nesta sección, irán dirixidos a mellorar o rendemento global das explotacións agrarias, e englobaranse nos seguintes conceptos:

  • Construción e/ou adquisición de inmobles, incluída a compra de terreos ata un investimento máximo do 10% do total dos gastos do conxunto da operación.
  • Equipamento e instalacións.
  • Investimentos orientados á reordenación das instalacións para unha reconversión e/ou diversificación do sistema produtivo.
  • Os custos xerais vinculados aos gastos recollidos nos puntos anteriores, en honorarios de arquitectos, enxeñeiros e asesores, estudos técnico-económicos de viabilidade e adquisición de patentes e licenzas.
  • Equipamento informático, incluídos programas.
  • Gastos de asesoramento relacionados coa elaboración de estatutos, gastos de tramitación, gastos notariais e demais gastos administrativos iniciais.
  • Estudos de viabilidade previos, estudos socioeconómicos, balances de fusión, programas de investimentos e actividades e outros informes que sexa necesario realizar para avalar a constitución de novas entidades asociativas, ou os procesos de fusión que se pretenden levar a cabo.


Axudas para o fomento, modernización e dimensionamento das entidades asociativas agrarias, cuxa finalidade sexa de transformación e/ou comercialización

Obxecto
Fomentar estruturas empresariais con dimensión suficiente, modernas e competitivas, que permitan unha óptima adaptación das producións en concepto de calidade, ordenación e concentración da oferta, ás modernas e dinámicas demandas do mercado. No proceso de modernización é necesario un forte impulso á innovación, a introdución de novas tecnoloxías e a adaptación e modernización nas materias de calidade alimentaria e ambiental.

Beneficiarios
Poderanse acoller ás axudas reguladas nesta seción as cooperativas agrarias e sociedades agrarias de transformación (SAT) que leven a cabo actividades de transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, incluídos no anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, e que cumpran as seguintes condicións:

  1. Poderán ser beneficiarias aquelas entidades que, nos tres últimos anos, procedan, pretendan levar a cabo ou estean en trámite dun proceso de nova constitución, dun proceso de fusión, dun proceso de integración en entidades de segundo ou ulterior grao, ou ben amplíen o seu capital social ou activos fixos admitindo novos socios, sempre e cando non recibisen ningunha axuda polo mesmo proceso, coa única excepción de solicitudes sobre investimentos de contratación de persoal.
  2. O proceso de nova constitución, fusión, integración en entidades de segundo ou ulterior grao, ou ampliación do capital social ou activos fixos admitindo novos socios, ten que se ter levado a cabo nos tres últimos anos. Para estes efectos considéranse como referencia inicial a data de inicio da actividade ou ben a data en que se fixo efectivo o proceso de nova constitución, fusión, integración, ou ampliación de capital social ou activos fixos admitindo novos socios, e a data de remate a de presentación de solicitude correspondente a cada ano.
  3. Que se constitúan en comarcas ou sectores onde o asociacionismo estea pouco desenvolvido e con baixa capacidade para afrontar actividades de transformación e/ou comercialización.
  4. As devanditas entidades deben estar incluídas nas seguintes categorías, segundo a definición dada no artigo 3º desta convocatoria:
    • Categoría de microempresa, pequena ou mediana empresa (PEME).
    • Empresas intermedias.

Conceptos subvencionables
Considéranse subvencionables, con carácter xeral, as actuacións que no ámbito da transformación, e da comercialización dos produtos enumerados no anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, e que persigan os seguintes obxectivos: sustentabilidade dos recursos naturais, mellorar o rendemento e desenvolvemento económico, fomentar os produtos de calidade diferenciada e ecolóxicos, favorecer a introdución de novas tecnoloxías e a innovación en sentido amplo así como o respecto ao ambiente, a seguranza laboral e a hixiene e benestar dos animais, así como a diversificación de actividades.

Ademais serán subvencionables nas empresas pertencentes á categoría de PEME, as actuacións dirixidas á dotación das estruturas necesarias para:

  • A comercialización dos insumos necesarios para o normal desenvolvemento da actividade nas explotacións agrarias.
  • A mellora global da prestación de servizos aos socios e da eficiencia dos procesos produtivos na súas explotacións.
  • A mellora das condicións de funcionamento no seu ámbito social

Serán subvencionables os tipos de investimentos materiais ou inmateriais indicados.

Só serán subvencionables as actuacións economicamente viables, orientadas ás producións para as que exista demanda e saídas normais no mercado, que respondan a unha necesidade estrutural ou que supoñan a creación neta de emprego.

Non se subvencionarán investimentos de reposición ou simple substitución de equipamentos, salvo se a nova adquisición corresponde a innovacións tecnolóxicas ou melloras do seu rendemento.


Axudas de apoio á modernización da xestión empresarial nas entidades asociativas agrarias

Obxecto
Fomentar a modernización da xestión empresarial, a través da implantación e mellora de instrumentos axeitados aos requirimentos actuais dos procesos produtivos.

Beneficiarios

  1. As cooperativas agrarias, e as SAT que teñan como finalidade desenvolver actividades na fase de produción agraria.
  2. As cooperativas agrarias e SAT que leven a cabo actividades de transformación e/ou comercialización de produtos agrarios incluídos no anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea incluídas nas seguintes categorías, tal e como se definen no artigo 3º desta convocatoria:
    • Pequenas ou medianas empresas (PEME) que leven a cabo actividades de transformación e ou comercialización de produtos agrarios que dean como resultado produtos agrarios incluídos no anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, e co domicilio social en Galicia.
    • Empresas intermedias.
  3. Tamén poderán acceder a estas axudas as entidades de representación das cooperativas no referido á liña de axudas de estudos de viabilidade e de mercado recollidos no punto 2 do artigo 31º.

Conceptos subvencionables

  1. Adquisición e mellora de equipos e programas informáticos.
  2. Realización de análises de xestión, estudos de viabilidade e de mercado.
  3. Investimentos materiais e investimentos inmateirais asociados a estes, derivados da implantación de sistemas de aseguramento da calidade e rastrexabilidade, así como a implantación de sistemas de xestión da calidade.


Axudas ás organizacións representativas das cooperativas agrarias galegas

Obxecto
Potenciar mediante axudas a acción das organizacións representativas das cooperativas agrarias galegas así como potenciar a súa acción de formación dos representantes das cooperativas, asociadas en xeral e dos seus socios en particular así como dos agricultores e gandeiros galegos en xeral.

Beneficiarios
Poderanse beneficiar das axudas establecidas nesta sección as organizacións representativas das cooperativas agrarias galegas con ámbito de actuación en todo o territorio da comunidade autónoma, que estean legalmente constituídas e o seu obxecto social recolla a representación profesional dos seus asociados.

Actividades subvencionables

  • Accións dirixidas a representar e defender o interese do cooperativismo agrario galego.
  • Accións de promoción, fomento e divulgación do cooperativismo agrario.
  • Accións de información, formación e estudo dos problemas que lles afecten para promover un desenvolvemento socioeconómico nos seus contornos, así como a promoción da intercooperación e integración asociativa a todos os niveis.


Prazo de presentación
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Financiamento
As axudas concedidas financiaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias:

  1. Fondos cofinanciados polo Feader: aplicación 11.03.712-C.770.0, por un importe de 50.000 € para a anualidade 2009, 500.000 € para 2010 e 1.000.000 € para 2011.
  2. Fondos propios: aplicación 11.03.712C.770.4, por un importe de 25.000 € para a anualidade 2009 e 120.000 € para a anualidade 2010.
  3. Fondos propios: aplicación 11.03.712-C.481.1, por un importe de 200.000 € para o presente exercicio.
  4. Fondos propios: aplicación 11.03.713-D.770.0, por un importe de 30.000 € para a anualidade 2009, 200.000 € para 2010 e 250.000 € para 2011.

Estes importes poderanse incrementar con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.


Máis información
arquivoasociacionismo_agrario_09.pdf (427 Kb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS