Medio Rural
Inicio >> Anuncios >> Avisos >> Finalizados >> Infraestructuras >> Aviso
  • Aviso finalizado
Data comezo: 06-06-2008

Toma de posesión provisoria de predios de substitución na zona de Bogo (A Pontenova)
[06/06/2008]

Aviso do 25 de abril de 2008, da Delegación Provincial de Lugo, polo que se anuncia a toma de posesión provisoria de predios de substitución na zona de Bogo (A Pontenova-Lugo).

Rematada a publicación do acordo de concentración parcelaria da zona de Bogo (A Pontenova-Lugo) e non excedendo o número de recursos presentados e pendentes de resolver do seis por cento das persoas titulares das explotacións, nin representando os que reclaman máis do dez por cento da superficie concentrada, a Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias resolveu dar posesión provisoria dos novos predios, establecendo como data límite para esta o día 15 de xullo de 2008 agás para as árbores, que será o 28 de febreiro de 2009. Esta toma de posesión é obrigatoria para todas as persoas interesadas e enténdese sen prexuízo das rectificacións que procedan como consecuencia dos recursos que prosperen (artigo 44 da Lei de concentración parcelaria para Galicia). No caso de que algún/a propietario/a non permita a toma de posesión dos predios de substitución, no prazo indicado, será obxecto, logo de apercibimento, de compulsión directa, tal e como establece o artigo 45 da Lei de concentración parcelaria para Galicia.

Segundo establece o artigo 46 da Lei de concentración parcelaria para Galicia de 14 de agosto de 1985, as persoas interesadas poderán reclamar, ante esta delegación, sita na rolda da Muralla nº 70 de Lugo, xuntando dictame pericial, sobre diferencias superiores ao dous por cento entre a cabida real dos novos predios e o que conste no expediente de concentración, no prazo de sesenta días naturais, contados desde o 16 de xullo de 2008.

Así mesmo, comunícase que a posesión dos predios de substitución outorga ás persoas que no acordo de concentración figuren como adxudicatarias, os medios de defensa establecidos nas leis.

En relación coas árbores existentes nos predios recoméndase, na medida do posible, chegar a un acordo entre a persoa achegante e a adxudicataria. No caso contrario, poderán ser retiradas polos/as propietarios/as das parcelas de contribución tendo como data límite o 28 de febreiro de 2009, logo da petición ao Servizo de Montes e Industrias Forestais do preceptivo permiso e informe favorable do Servizo de Conservación da Natureza, da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, no caso de seren especies autóctonas protexidas. Trascorrido o referido prazo, enténdese que pertencen ao/a propietario/a do novo predio.


Máis información
arquivotpp_bogo.pdf (27 Kb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos los derechos reservados. Aviso Legal    Le atendemos
RSS