Medio Rural
Inicio >> Anuncios >> Ayudas >> Finalizadas >> Agricultura >> Ayuda
  • Ayuda finalizada
Prazo: 5-2-2009 ao 20-3-2009
Ampliado o prazo ata o 20-3-2009 (incluído)

Axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña
[04/02/2009]

Orde do 29 de xaneiro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia e se convocan para o ano 2009.

Ampliación do prazo.

Obxecto
Regular as axudas aos plans de reestruturación e reconversión de viña en Galicia e a súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2009.

Ámbito de aplicación
O réxime de axudas para reestruturación e reconversión de viña será de aplicación ao viñedo galego destinado á produción de uva para vinificación.

O apoio para reestruturación e reconversión da viña só poderá concederse para unha ou varias das actividades seguintes:

  • A reconversión varietal.
  • A reimplantación de viñas.
  • As melloras das técnicas de xestión de viñas.

Non poderán acollerse a este réxime de axudas:

  • A renovación normal das viñas que chegasen ao final do seu ciclo natural.
  • As accións de reestruturación e reconversión que xa se beneficiasen destas axudas nos últimos dez anos, para esa mesma superficie de viña.
  • A renovación das viñas plantadas ao abeiro dunha concesión de novas plantacións ata transcorridos 10 anos da dita plantación.
  • As viñas daqueles titulares que contraveñan a normativa vixente en materia de plantacións de viña, para calquera das superficies de viña da súa explotación.

Beneficiarios e principios de concesión
Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde os viticultores de Galicia -persoas físicas ou xurídicas, ou as súas agrupacións, e as comunidades de bens- que soliciten unha axuda á reestruturación e/ou reconversión de viña.

O beneficiario débese atopar ao día nas súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e coa Seguridade Social, e non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración.

Para as comunidades de bens, requirirase un pacto de indivisión, de polo menos 10 anos, contados a partir da data de finalización da campaña de execución dos investimentos.

Naqueles casos en que o viticultor non sexa o propietario da superficie nin o titular da viña que se quere reestruturar ou reconverter, necesitarase unha autorización do propietario e, se é o caso, do titular.

As axudas reguladas nesta orde concederanse con suxeición aos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.

Axudas
1. Poderanse conceder axudas para:

  • Participar nos custos da reestruturación e/ou reconversión da viña.
  • Compensar os viticultores participantes no plan pola perda de ingresos derivados da súa aplicación.

2. As operacións de reestruturación e reconversión financiables, e os custos unitarios máximos que se aplicarán ás ditas operacións son os que se recollen no anexo VII.

3. A porcentaxe de axuda sobre os investimentos finalmente aprobados, prevista na alínea a) do punto 1 será, como máximo, do 75% no caso dos plans colectivos, e do 63,75% no caso dos plans individuais. Para a operación de elevadores, esta porcentaxe será do 50% e 42,50%, respectivamente.

4. A compensación aos viticultores pola perda de renda prevista na alínea b) do punto 1 concederase durante dúas campañas. O seu importe será de 1.600 €/ha en cada campaña.

Non terán dereito á compensación por perda de ingresos aquelas superficies reestruturadas coa achega dun dereito de replantación non xerado da aplicación do plan de reestruturación nin aquelas superficies en que a medida só comprenda a operación de instalación de elevadores.

Cando as accións que se leven a cabo sobre unha parcela de viña sexan a reconversión varietal e/ou o cambio do sistema de condución, concederase a compensación por perda de ingresos para esa superficie por unha soa campaña.

5. Para determinar o importe de axuda a que ten dereito un viticultor pola reestruturación e/ou reconversión dunha superficie de viña, a medición da parcela efectuarase seguindo o método proposto no artigo 18 desta orde.

6. Para ter dereito a axuda, o viticultor deberá executar a reestruturación e/ou reconversión en, polo menos, o 80% da superficie para a cal se lle concedeu a subvención.

Prazo de presentación
O prazo de presentación de solicitudes remata o 20 de marzo de 2009.

Financiamento
As axudas que deriven da aplicación desta orde proceden do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e estarán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria 11.03.713-C.772.1 dos orzamentos xerais de Galicia para o ano 2009.

A dotación para o exercicio 2009 será de 50.000 euros. Para exercicios futuros, tamén con cargo á aplicación orzamentaria 11.03.713-C 772.1, disporase de 35.000 euros para o exercicio 2010; 30.000 euros para o exercicio 2011; 25.000 euros para o exercicio 2012 e 25.000 euros para o exercicio 2013. Estas dotacións poderanse ver incrementadas con outros remanentes orzamentarios, sen prexuízo de posteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias.


Máis información
arquivoreestruturacion_vina_09.pdf (333 Kb)

arquivoap_reestruturacion_vina_09.pdf (25 Kb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos los derechos reservados. Aviso Legal    Le atendemos
RSS