Medio Rural
  • Nova
 

A Xunta estuda a fórmula para utilizar matadoiros móbiles no sector ovino e cabrún

Preténdese reducir custos aos produtores e contribuír á viabilidade económica deste sector

Tamén se busca que estas instalacións estean habilitadas para o ámbito avícola e así dar servizo aos produtores de galo de Vila de Cruces e do capón de Vilalba, entre outros
 

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2018.- A Consellería do Medio Rural está estudando a posibilidade de implantar en Galicia os matadoiros móbiles para o sector ovino e cabrún. Así o anunciou hoxe o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, na comisión sétima de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes do Parlamento galego.

Segundo explicou o director, ante a dificultade do sector ovino e cabrún á hora de levar os animais aos matadoiros polos custos que implican tanto de traslado como de sacrificio, a consellería buscou unha solución que abordase alternativas para os produtores.

Así, Balseiros explicou que o primeiro que se fixo foi un estudo do número de explotacións, tamaño e categoría. Nesta liña, sinalou que na nosa comunidade hai máis de 21.000 explotacións de gando ovino e cabrún e unhas 215.000 cabezas. Ademais, aclarou tamén que entre elas hai granxas de todo tipo, tanto de carácter doméstico como outras de maior dimensión. Neste aspecto, concretou que Galicia conta cunhas 70 explotacións con máis de 250 cabezas.

Unha vez rematada esta fase, o director xeral trasladou que se analizaron os sistemas deste tipo que había noutros lugares do mundo, xa que en España non se aplica aínda en ningunha comunidade autónoma. Tras esta avaliación, apostouse pola alternativa que aplican en Suecia e Finlandia que consiste nun vehículo adaptado con diferentes espazos: sala de sacrificio, despece, esterilización, cámara frigorífica... Ademais, este matadoiro móbil tería un paquete software especializado e un veterinario oficial, daríase garantía a todas as medidas e cuestións sanitarias que esixe a lexislación.

De feito, unha das vantaxes deste sistema é que xa está adaptado á normativa comunitaria, algo imprescindible para comezar a operar tamén en Galicia. Neste sentido, José Balseiros advertiu de que sería preciso dispor dunha normativa específica nesta materia, que aínda non existe en España. “É unha cuestión nova na que é preciso afondar e ver as posibilidades antes de que bote a andar”, aclarou o director xeral durante a súa intervención.

Aberto a outros ámbitos

Ademais, o responsable da área de Gandaría explicou tamén que, aproveitando que se dá solución a un sector como o ovino e cabrún, tratarase de aplicar tamén esta medida ao ámbito avícola. Coa finalidade de que pequenos produtores como son os do galo de Vila de Cruces ou os do capón de Vilalba, entre outros, teñan máis facilidade á hora de sacrificar os animais.

A través desta solución, Medio Rural tratará non só de dar máis rendibilidade aos produtores senón de gañar en benestar animal. Ademais, como consecuencia directa, os matadoiros móbiles favorecerán as zonas con limitacións naturais, o comercio de proximidade, etc. En resumo, apoiar o rural e facilitar a vida dos veciños que viven nel.
 


CCXunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia.
Aviso Legal    Atendémolo/a