Medio Rural
  • Nova
 

José González enxalza a calidade do viño de Monterrei ligada á paisaxe e á tradición para dinamizar esta comarca vitivinícola

Salientou que esta comarca medra co sector do viño e do turismo, que constitúen dous elos inseparables da bisbarra

Trasladou que toda esta riqueza porase aínda máis en valor coa Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia que impulsa a Xunta e da que hoxe se asinou o correspondente convenio

Verín (Ourense), 9 de agosto de 2019.- O conselleiro do Medio Rural, José González, destacou hoxe que a comarca de Monterrei combina o mellor viño, a mellor paisaxe e os elementos tradicionais tan característicos de Galicia. Salientou ademais que este territorio medra co sector do viño e do turismo, que constitúen dous elos inseparables desta bisbarra do oriente ourensán. Fíxoo na inauguración da XIV Festa do Viño Monterrei, que se prolongará ata o vindeiro domingo.

Alí, José González cualificou os viños desta denominación de orixe como persoais, diferentes e únicos e dixo que amosan sempre a imaxe de calidade que teñen os produtos galegos e que conflúen na idea de que “Galicia sabe ben”. Valorou, así mesmo, que estes viños de Monterrei constitúen un dos mellores embaixadores da calidade dos nosos produtos do agro.

Na súa intervención, o titular de Medio Rural fixo especial fincapé na Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia que impulsa a Xunta. En relación con esta iniciativa, o conselleiro sinalou que o Goberno galego vai poñer os medios económicos necesarios –case 750.000 euros– para que sexa o propio sector o que decida o seu futuro. Precisamente, recordou José González, hoxe mesmo tivo lugar a sinatura do convenio correspondente, por parte dos conselleiros de Economía, Emprego e Industria, de Cultura e Turismo, e do Medio Rural, xunto co presidente da Fundación Juana de Vega.

Traballo en común

Nesta liña, José González explicou que para levar adiante esta estratexia traballarán xuntos os consellos reguladores das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas, as rutas dos viños, os grupos de desenvolvemento rural, as asociacións de produtores e os xeodestinos turísticos, entre outros axentes. Será pois, dixo, unha actuación en común, que atenderá cada necesidade e particularidade de cada zona, de cada eido produtivo, afondando nas súas características comerciais, industriais e territoriais.

Finalmente, o conselleiro engadiu que mediante a devandita estratexia reforzarase a imaxe de marca global dos nosos viños, sempre tomando a calidade como gran referente común. A maiores explicou que se investirá en innovación e formación, fomentando a remuda xeracional e procurando unha maior eficiencia e profesionalización do sector.


Galería de imaxes


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS