Medio Rural
  • Nova
 

Galicia defende unha postura común de España e da UE fronte á posible implantación de aranceis no sector agroalimentario por Estados Unidos

José González salientou que é importante “trasladar unha postura unívoca” e que estes aranceis non deberían recaer sobre o sector agroalimentario cando o posible conflito comercial non o ten a el como causante

As xuntanzas de traballo avanzarán esta tarde no deseño da futura PAC e máis concretamente na elaboración do Plan estratéxico nacional que corresponde por cada Estado Membro

Madrid, 7 de outubro de 2019.- Galicia defende a postura común de España e da Unión Europea no sentido de rexeitar calquera batalla arancelaria cos Estados Unidos, que pode prexudicar o libre comercio a ambos lados do Atlántico. Así o trasladou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, en Madrid, onde está a participar nas xuntanzas do Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios e da Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural.

Neste sentido, o conselleiro sinalou que é importante “trasladar unha postura unívoca por parte do Estado español, que debe canalizarse a través do Ministerio de Agricultura” e tamén que existe unha coincidencia xeneralizada sobre que “non deberían recaer sobre o sector agroalimentario estes aranceis cando o posible conflito comercial non o ten a el como causa”. Ademais, José González advertiu que no caso de Galicia a principal afectación que poderían ter estes aranceis recaería sobre os viños e os queixos, polo que pediu un esforzo especial, tamén por parte da Unión Europea, para que se defendan estes sectores agrogandeiros.

En todo caso, José González amosouse tamén convencido de que a calidade, a diferenciación e a singularidade dos produtos galegos permitirán imporse sobre unha eventual subida de prezos causada por ese incremento arancelario.

Plan estratéxico da PAC

O Consello Consultivo avanzará esta tarde no deseño da futura PAC e máis concretamente na elaboración do Plan estratéxico nacional que corresponde por cada Estado Membro. Neste labor Galicia mantén unha postura de lealdade institucional co Goberno de España, pero sempre baixo a premisa da defensa dos dereitos dos nosos agricultores e gandeiros que recollerá o Plan estratéxico de Galicia.

En relación con estes traballos, a nosa comunidade avoga por un tope máximo de axuda por explotación que non supere os 60.000 euros, para favorecer ás de menor dimensión, que son as propias de Galicia. Apóstase tamén por unha axuda re-distributiva, de forma que o importe das primeiras hectáreas sexa superior ao do resto, para garantir ese apoio ás pequenas e medianas explotacións.

Para fomentar a remuda xeracional no agro, a nosa Comunidade defende o apoio á incorporación de mozos á actividade agraria e especialmente porque se apoien as sociedades entre eles, dun xeito menos restritivo que o actual.

Ademais, Galicia considera que a PAC ten que incluír unha discriminación positiva para as zonas de montaña e con limitacións naturais, así como para as pequenas explotacións (con máis dificultades de produción, máis respectuosas co medio ambiente e xeradoras de máis emprego).

Conferencia sectorial

En relación cos acordos da Conferencia Sectorial, o conselleiro valorou as achegas que lle corresponden a Galicia no reparto nacional de fondos para a prevención e loita contra pragas. Neste caso, a nosa comunidade recibirá algo máis dun millón de euros a maiores para esta finalidade, un orzamento de importancia capital na loita contra ameazas como o nematodo do piñeiro, a couza da pataca ou o psílido africano dos cítricos, entre outros.

Ademais, José González destacou que a nosa comunidade recibiu tamén unha nova achega de case 90.000 euros para financiar os programas estatais de erradicación de enfermidades animais, uns fondos fundamentais para reforzar a erradicación e vixilancia de doenzas como a tuberculose bovina e cabrúa, a brucelose bovina, ovina e cabrúa ou a salmonelose.


Galería de imaxes


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS