Medio Rural
  • Nova
 

A Xunta apoia accións silvícolas en preto de 3.000 hectáreas de monte pertencentes a 38 concellos ourensáns para a prevención de lumes de cara ao ano que vén

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar recentemente a resolución pola que se fan públicas estas achegas, cofinanciadas polo Feader

A delegada territorial en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, puxo en valor os traballos realizados por 139 comunidades de montes veciñais en man común, dous particulares e unha agrupación

Ao abeiro da pasada convocatoria, a CMVMC Cebral do Irixo levou a cabo traballos de roza, poda e trituración en masas coníferas existentes en 3,93 hectáreas
 

O Irixo (Ourense), 9 de outubro de 2019.- A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, coñeceu hoxe os traballos silvícolas realizados pola Comunidade de Montes Veciñal en Man Común (CMVMV) Cebral, na parroquia de Froufe do concello do Irixo, de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais. Esta comunidade foi unha das beneficiarias o ano pasado polas axudas para o desenvolvemento destas actuacións concedidas pola Consellería do Medio Rural. O Diario Oficial de Galicia Galicia publicou recentemente a resolución da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal pola que se fan públicas as achegas correspondentes a convocatoria deste ano 2019/2020. Na provincia ourensá, en total foron 144 os beneficiarios destas achegas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e que intervirán en case 3.000 hectáreas, pertencentes a 38 concellos ourensáns.

Díaz Mouteira, acompañada polo alcalde do Irixo, Manuel Cerdeira e o xefe territorial de Medio Rural, Yago Borrajo, supervisou as actuacións realizadas, ao abeiro desta orde, nunha extensión de 8,93 hectáreas que consistiron nunha roza e poda en masas coníferas para mellorar o seu estado e aumentar o seu valor. Así mesmo, os restos das podas trituráronse in situ, picados e esparexidos homoxeneamente polo chan. Segundo a memoria do proxecto, no caso de extracción dos restos para o seu aproveitamento como biomasa, a comunidade de montes deberá xustificala documentalmente xunto coa notificación final dos traballos.

Os beneficiarios destas axudas son maioritariamente comunidades de montes veciñais en man común (139), seguido de propietarios particulares de forma individual (2) e das Sociedades de Fomento Forestal (Sofor) ou outro tipo de sociedades e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta (1). A provincia de Ourense foi a que acaparou máis axudas tanto desde o punto de vista económico, como de número de expedientes ou de hectáreas traballadas.

Esta orde contempla dúas liñas de actuación. A primeira, e máis exitosa, apoia a realización de tratamentos silvícolas preventivos de incendios forestais, tales como rareos, rozas e podas en masas estables de coníferas. Para este tipo de traballos aprobáronse 98 expedientes, o que permitirá actuar sobre 2.075 hectáreas.

A segunda liña de actuación está dedicada a tratamentos silvícolas e plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vinculados ao incremento dos valores ecolóxicos dos montes. Trátase de masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras. Tamén se subvenciona mediante esta liña a rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiros. Neste caso, contabilízanse 46 beneficiarios para realizar accións en 825 hectáreas.

Deste xeito, a Xunta de Galicia apoia accións de prevención contra os lumes forestais de cara ao ano que vén. No que se refire ao presente exercicio (convocatoria 2018/2019) na provincia aprobáronse 122 accións que posibilitaron actuar en máis de 2.700 hectáreas, correspondentes á convocatoria de 2018. A nivel autonómico, foron 392 os beneficiarios por estas achegas que desenvolveron labores silvícolas en máis de 5.500 hectáreas.


Galería de imaxes


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS