Medio Rural
  • Nova
 

O vindeiro mércores coñeceranse os gañadores da terceira edición dos premios Exceleite ás mellores explotacións de vacún de leite de Galicia

Estes premios teñen como finalidade recoñecer aos gandeiros máis comprometidos co seu traballo e, polo tanto, coa calidade do leite que producen nas súas explotacións

O acto de entrega dos galardóns terá lugar no hotel monumento San Francisco, en Santiago, e estará presidido polo conselleiro do Medio Rural

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2019.- O vindeiro mércores daranse a coñecer os gañadores da terceira edición dos premios á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia, coñecidos como premios “Exceleite”.

A gala terá lugar no hotel monumento San Francisco, en Santiago, e estará presidida polo conselleiro do Medio Rural, José González, e por unha ampla representación de gandeiros de vacún de leite. Trátase da terceira edición destes galardóns, que nas pasadas convocatorias tivo unha boa acollida entre o sector produtor lácteo galego.

Estes premios teñen como finalidade recoñecer aos gandeiros máis comprometidos co seu traballo e, polo tanto, coa calidade do leite que producen nas súas explotacións. Así, os premios Exceleite distinguen ás granxas en tres categorías en función do seu tamaño (pequenas, medianas e grandes) e, á súa vez, estas subdivídense cada unha delas en tres grupos segundo o sistema de produción (intensivo, semiextensivo ou extensivo). Tamén se recoñecen de xeito específico as mellores explotacións ecolóxicas.

A estes galardóns optaron todas as explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia que realizan os seus autocontrois de calidade no Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal) e que estiveran dadas de alta no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi) e, no caso das ecolóxicas, no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega). Polo tanto, os gañadores pasaron uns controis serios e rigorosos levados a cabo por profesionais do Ligal, veterinarios e técnicos da Consellería, e que dan mostra do comprometidos que están coa calidade do seu produto.


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS