Medio Rural
  • Nova
 

A Xunta organiza un curso de formación continua de iniciación ao manexo da motoserra

Esta acción está integrada no Plan de formación ao agro galego que desenvolve a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2019.-. A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza un curso de formación continua de iniciación ao manexo da motoserra, dirixido a profesionais do sector, desempregados e outras persoas interesadas.

O curso comeza esta tarde no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Lourizán e desenvolverase ao longo de catro xornadas, cunha duración total de 15,5 horas. Esta acción está integrada no Plan de formación ao agro galego 2019 que desenvolve a Consellería do Medio Rural.

Neste senso, o principal obxectivo do Plan é impulsar o desenvolvemento das actividades de formación, demostración e información que desenvolve a Consellería. Con estas actividades preténdese contribuír a que os coñecementos cheguen aos seus últimos destinatarios: técnicos, agricultores, selvicultores e persoas que traballan no sector, en xeral. Trátase de fomentar, en definitiva, a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades incidindo, cando sexa preciso, na reordenación das producións, no emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación e na protección do medio.

Así mesmo, tamén se promove con esta formación que o sector agrícola e selvícola utilice dun xeito eficiente os recursos, co fin de que sexan economicamente viables, produtivos e competitivos. Tamén se coida o nivel de emisións, co obxectivo de que sexan respectuoso co clima e resistente aos cambios climáticos e que traballen cara sistemas de produción en harmonía cos recursos naturais esenciais dos que dependen a agricultura e a selvicultura.

A través desta actividade explicaranse os riscos no uso da motoserra e as medidas de seguridade que é preciso tomar para o seu manexo. No tocante á parte práctica, ensinaranse a executar os cortes direccionais para apeo e tronzado de árbores. As charlas e demostracións estarán impartidas por enxeñeiros forestais e profesores de aproveitamentos forestais do propio CFEA de Lourizán.


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS