Medio Rural
  • Nova
 

O DOG publica hoxe a segunda addenda ao convenio asinado entre a Xunta, Seaga e a Fegamp para a protección das aldeas

O documento dá continuidade e mellora o acordo rubricado en agosto de 2018

Créase unha ferramenta móbil que facilitará a consulta de datos para o apoio ás tarefas sobre o terreo, danse beneficios aos municipios sumados ao sistema que non contan con parroquias priorizadas e mellórase a protección de datos

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2020.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a segunda addenda ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta, a empresa pública Seaga e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a protección das aldeas mediante a xestión da biomasa preto das vivendas.

Este documento, asinado a finais de novembro pasado, dá continuidade e mellora o acordo rubricado en agosto de 2018 e renovado a través dunha addenda en abril de 2019. Trátase dunha iniciativa que conta cun orzamento de preto de 36,7 millóns de euros, dos cales a Xunta aporta arredor de 28 millóns.

Esta addenda ten como novidade o desenvolvemento dunha ferramenta móbil (APP) que facilitará a consulta da base de datos para o apoio ás tarefas a realizar sobre o terreo, no relativo ao control das actuacións en campo que contempla o convenio. Este instrumento vén complementar o sistema informático Xesbío e ten por finalidade axilizar os procesos de rexistro da información asociada aos labores in itinere.

Outra mellora incorporada agora é a posibilidade de que os concellos adheridos poidan, con cargo ao convenio, realizar execucións subsidiarias para a xestión da biomasa en ata 5 hectáreas. Isto beneficiará aos municipios sumados ao sistema e que non contan con parroquias priorizadas.

Ademais, introdúcese tamén a figura das iniciativas estratéxicas, que serán aqueles proxectos de mobilización de terras en faixas secundarias que, aínda que non cumpran os requisitos esixidos para converterse nunha aldea modelo por razóns que teñen que ver con elementos xeográficos, físicos ou técnicos, considérase de especial transcendencia a súa mobilización, co obxectivo prioritario de reducir o risco de incendios forestais. Por último, esta segunda addenda incorpora unha cláusula en materia de protección de datos co obxecto de garantir a confidencialidade no tratamento da información catastral.


© Copyright. Consellería do Medio Rural. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS