Índice de risco diario de incendio forestal

Compartir

O índice de risco diario de incendio forestal establece diariamente e para cada unha das épocas de perigo ou risco de ocorrencia dun lume forestal, a probable propagación e o comportamento dun lume forestal nunha zona concreta do territorio galego, cuxos niveis son baixo (1), moderado (2), alto (3), moi alto (4) e extremo (5).

Mapa cos índices de risco diario de incendio forestal

Actualizado o Luns, 13 de Maio de 2024 ás 09:45

Para o establecemento do índice de risco diario de incendio tense en conta o análise dos diversos factores que inflúen no comportamento do lume, tales como:

  • Condicións de seca dos últimos meses: estado de turxencia das matogueiras.
  • Condicións de seca das últimas semanas e días: estado do pasto e combustibles mortos medios e grosos.
  • Condicións actuais de humidade e temperatura: estado dos combustibles mortos finos.
  • Condicións actuais de vento: efecto da propagación do vento.
     
Maquinaria e equipamento
  1. Durante a época de perigo alto, nos traballos e outras actividades que leven a cabo en todos os terreos forestais e zonas de influencia forestal é obrigatorio que os tractores, máquinas e vehículos de transporte pesados que van utilizarse estean provistos de equipamento para a extinción de incendios.
  2. O uso doutra maquinaria non forestal nin agrícola con ferramentas que poidan producir faíscas ou soldaduras de calquera tipo precisará da correspondente autorización nos termos que se establezan.

Zona de influencia forestal: as áreas lindeiras que abarcan unha franxa circundante dos terreos forestais cun ancho de 400 metros, excluíndo o chan urbano, de núcleo rural e urbanizable

Limitacións ao pastoreo
  1. Con carácter xeral, prohíbese o pastoreo en todos os terreos forestais que resultasen afectados por incendios forestais, nun prazo mínimo a contar desde a data en que se producise o incendio ata o 31 de decembro posterior á data na que se cumprisen dous anos do mesmo e ata que as adecuadas condicións de restauración da masa arborizada, no seu caso, permítano. Neste caso, precisarase de autorización administrativa, nos termos que se establezan para o efecto.
  2. Regulamentariamente poderán contemplarse excepcións á prohibición establecida no apartado anterior, baseadas na acreditación de perdas de difícil reparación pola prohibición ao pastoreo ou na inexistencia de alternativas ao pastoreo nas áreas afectadas por incendios forestais dentro da mesma demarcación forestal, salvo que se trate de superficies arborizadas queimadas, ou superficies de parroquias incluídas en zonas declaradas como de alto risco onde, polo número de incendios forestais reiterados ou pola súa gran virulencia, precisasen medidas extraordinarias de prevención de incendios e de protección dos montes fronte aos impactos producidos polos mesmos.
Limitacións á actividade cinexética
  1. Os aproveitamentos e a repoboación cinexética en terreos queimados quedan prohibidos durante un período para contar desde a data en que se producise o incendio ata o 31 de decembro posterior á data na que se cumprisen tres anos do mesmo, salvo autorización expresa do órgano competente en materia cinexética, previo informe favorable da consellería competente en materia forestal.
  2. A falta desta autorización, ou a realización da actividade en condicións distintas ás autorizadas, sancionarase conforme o disposto na lexislación galega en materia cinexética.
Zonas de alto risco de incendio
  1. Para os efectos da presente lei, e en base aos criterios da información histórica e os datos estatísticos sobre a ocorrencia de incendios forestais, vulnerabilidade poboacional, ameazas aos ecosistemas forestais e protección do chan fronte á erosión, determinaranse as zonas de alto risco de incendio forestal existentes no territorio.
  2. As zonas de alto risco de incendio forestal son as superficies onde se recoñece como prioritaria a aplicación de medidas máis rigorosas de defensa contra os incendios forestais ante o elevado risco de incendio, pola especial frecuencia ou virulencia dos incendios forestais ou pola importancia dos valores ameazados.
  3. Estas zonas serán identificadas e delimitadas a nivel de parroquia e concello no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e nos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito regulados nos artigos 14 e 15 da presente Lei.
  4. A planificación das actuacións preventivas e de defensa que se elabore para estas zonas de alto risco de incendio integrarase nos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito. A execución dos traballos incluídos nos plans de defensa das zonas de alto risco de incendio será considerada de interese xeral.
  5. As zonas de alto risco de incendio serán declaradas por orde da consellería con competencia en materia forestal.