A estrutura da propiedade

Compartir

A maior parte dos propietarios forestais particulares en Galicia dispoñen dun certo número de parcelas de dimensión insuficiente para aplicar unha xestión racional e profesionalizada. Segundo os datos rexistrados polo Sistema de Información Xeográfica de Identificación de Parcelas Agrícolas (SIGPAC), Galicia alberga case 8 millóns de parcelas de uso forestal, preto da terceira parte (30%) dos recintos de uso forestal de toda España: a superficie media por parcela de uso forestal de Galicia excede apenas un cuarto de hectárea (0,28 hectáreas).

A análise do grao de parcelación ofrece resultados variables dunhas comarcas a outras e algúns estudos socioeconómicos na Comunidade Autónoma indican diferentes perfís de propietarios con distintos obxectivos e criterios de xestión forestal en propiedades de tamaños variables, prevalecendo con todo unha gran maioría de parcelas con dimensións moi reducidas, insuficientes para unha xestión eficiente.

Para o caso concreto do monte privado particular/familiar, o minifundismo favorece unha produtividade e rendibilidade unitaria pouco elevada, agravado pola carencia de pautas adecuadas de silvicultura debidamente organizada, o que se acompaña dunha falta de capitalización, dificultade de comercialización de produtos forestais en calidade e cantidade e baixa competitividade.

As ferramentas básicas con que se conta para modificar ese problema estrutural son as reestruturacións parcelarias e o fomento de fórmulas de xestión conxunta. Galicia conta con experiencia previa nesas liñas de traballo, que poden e deben ademais combinarse. Así, o Plan Forestal de Galicia de 1992 xa indicaba a necesidade de realizar actuacións de mellora da estrutura da propiedade e no fomento de iniciativas dirixidas á xestión conxunta.

As organizacións de propietarios forestais teñen o propósito xeral de representar os intereses dos seus asociados e promover a rendibilidade das actividades forestais, así como o fomento da ordenación e xestión sustentable do monte.

Algunhas das asociacións de propietarios presentes en Galicia foron pioneiras nos procesos de organización dos propietarios no sur de Europa, contando con traxectorias de máis de 35 anos e un número moi elevado de asociados. Outras iniciativas relevantes son as asociacións de comercialización de madeira por parte de produtores do norte da comunidade.

Fórmulas máis complexas de organizacións de titulares forestais, foron establecidas a través das Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR), agrupacións que asocian a propietarios forestais ou, no seu caso, a persoas titulares de dereitos de uso de parcelas susceptibles de aproveitamento forestal, que ceden á sociedade para a súa xestión forestal conxunta cun réxime xurídico de sociedade de responsabilidade limitada.

Os resultados obtidos e a experiencia aprendida conducen a entender que as medidas en materia de fomento da xestión conxunta dos terreos forestais deben ser amplas e diversas, onde o titular poida decidir o seu grao de compromiso en materia de xestión forestal sostible, propiciando unha contorna de diversas alternativas de compromiso, dende fórmulas que favorezan a cesión dos terreos, pasando por formar parte das asociacións de propietarios forestais (optando por servizos de información e formación até servizos de xestión ou comercialización conxunta) ou, mediante un maior grao de compromiso, integrarse como parte protagonista en figuras xurídicas de natureza mercantil, administrativa ou de base asociativa.