Agrupacións forestais de xestión conxunta

Compartir

Poderán solicitar o recoñecemento como agrupacións forestais de xestión conxunta as seguintes entidades cuxa actividade se desenvolva en terreos forestais no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Asociacións sen ánimo de lucro constituídas para o auxilio, apoio e asesoramento ás persoas propietarias ou titulares dos dereitos de aproveitamento de terreos na planificación da xestión forestal e na xestión e comercialización conxunta dos seus aproveitamentos, sempre que estean compostas por persoas titulares dos indicados dereitos dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.

Ás asociacións sen ánimo de lucro recoñecidas como agrupacións forestais de xestión conxunta de acordo co disposto nesta lei seralles de aplicación o réxime respecto dos incentivos fiscais ao mecenado previsto na Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado, cando cumpran os requisitos establecidos nesta.

b) Sociedades civís e comunidades de bens.

c) Cooperativas e outras entidades de economía social.

d) Sociedades agrarias de transformación. Recoñécese a condición de titulares de explotación agraria ás persoas inscritas no Rexistro Voluntario de Silvicultores/as Activos/as, ao abeiro do artigo 126 da lei 7/2012, para os efectos da súa posibilidade de asociación para a promoción da constitución de sociedades agrarias de transformación.

e) Sociedades mercantís reguladas na lexislación de sociedades de capital.

f) Sociedades de fomento forestal.

g) Calquera outra que teña por obxecto a recuperación, de forma conxunta, de terras forestais.

As comunidades de montes veciñais en man común poderán pertencer ás agrupacións forestais de xestión conxunta, preferentemente a aquelas agrupacións que dispoñan, dentro da súa superficie de actuación de xestión conxunta, de parcelas lindeiras co límite do monte veciñal. Coa finalidade de procurar unha explotación máis eficiente e sustentable do monte, as comunidades de montes veciñais en man común terán plena capacidade xurídica para a realización de actos ou negocios xurídicos para pertencer ás agrupacións de xestión conxunta.

 

Obxecto das agrupacións forestais de xestión conxunta

O obxecto das agrupacións forestais de xestión conxunta será, de forma exclusiva, un ou varios dos seguintes:

a) A mobilización de terreos forestais por medio dunha actuación de xestión conxunta.

b) A explotación e o aproveitamento conxunto dos terreos forestais mediante unha xestión sustentable e multifuncional dos produtos e servizos forestais, contribuíndo a aumentar a rendibilidade e a calidade dos recursos forestais. Para estes efectos, entenderanse por recursos e servizos forestais aqueles definidos polo artigo 84 desta lei.

c) A comercialización, prestación e/ou produción conxunta de produtos e servizos forestais, a realización de melloras no medio rural, a promoción e desenvolvemento agrarios e a prestación de servizos comúns que sirvan a aquela finalidade.

d) A xestión activa e valorización das masas consolidadas de frondosas autóctonas, tendo en conta os beneficios sociais e ambientais que achegan á sociedade galega.

e) O apoio á xestión forestal sustentable no marco das estratexias de mitigación e adaptación fronte ao cambio climático e nas políticas activas de descarbonización, sen esquecer o seu papel como refuxio da biodiversidade e a importancia que presente en servizos fundamentais para a vida.

f) A restauración e conservación de ecosistemas forestais.

 

Requisitos das agrupacións forestais de xestión conxunta

1. As agrupacións forestais de xestión conxunta deberán dispor da xestión dunha superficie mínima de 10 hectáreas. Do total das hectáreas deberase acreditar a disposición dos dereitos de uso nunha porcentaxe superior ao 70 %.

2. As persoas ou entidades que formen parte da agrupación forestal deberán asinar a cesión ou delegación da planificación da xestión forestal ou da representación para a xestión e comercialización conxunta durante un prazo mínimo de dez anos, ou o prazo que permita completar a quenda de corta do aproveitamento principal, no caso de que esta sexa maior.

3. As agrupacións forestais poderán asinar acordos de cesión coas persoas titulares de terreos forestais para o uso e o aproveitamento do seu predio mediante calquera negocio xurídico válido en dereito, e non será necesaria a súa integración como socios na dita agrupación. Estes acordos incluirán expresamente a obriga da persoa cesionaria de cumprir cos prazos de cesión dispostos neste artigo.

Descarga modelo-tipo SOFOR para a constitución dun dereito de uso e aproveitamento a favor de terceiras persoas.

Descarga modelo-tipo de Contrato tipo para a constitución de dereitos de uso e aproveitamento a favor de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta.

Descarga modelo-tipo de Contratos tipo de cesión ou delegación da planificación da xestión forestal ou da representación para a xestión e comercialización conxunta a favor de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta.

4. As agrupacións forestais de xestión conxunta deberán presentar perante a Administración forestal, sobre os terreos que teñan a condición de monte, un instrumento de ordenación ou xestión forestal para a dita superficie de acordo co previsto na lei 7/2012, no prazo dun ano desde a súa inscrición no Rexistro de Agrupacións de Xestión Conxunta de Terreos Forestais.

5. As agrupacións forestais de xestión conxunta deberán dispor dos servizos para a xestión profesionalizada mediante persoal técnico competente en materia forestal. Este persoal técnico deberá elaborar o preceptivo instrumento de ordenación ou xestión e prestar o apoio técnico que asegure unha xestión forestal sustentable e o cumprimento das obrigas normativamente aplicables. Porén, non será necesario que a administración dunha agrupación forestal de xestión conxunta sexa desempeñada por unha empresa de servizos forestais

6. Cando se trate dunha agrupación de xestión conxunta de natureza mercantil, os estatutos conterán, entre outras, as seguintes previsións:

  • a) A maioría dos dereitos de voto deberá corresponder ás persoas socias que acheguen a propiedade ou os dereitos de uso de parcelas forestais.
  • b) Os dereitos económicos das persoas membros da agrupación. A tales efectos, de ser o caso, os estatutos sociais poderán prever a posibilidade de que cada participación ou acción social implique unha diferente participación nos beneficios da sociedade.

Descarga aquí modelo1 e modelo2 de estatuto para SOFOR.

Descarga aquí o modelo tipo de Estatutos para entidades sen ánimo de lucro de Xestión Forestal Conxunta.

Descarga aquí o modelo tipo de Estatutos para entidades sen ánimo de lucro de representación para a Planificación ou comercialización conxunta.

Descarga aquí o modelo tipo de Estatutos de comunidades de bens.

Descarga aquí o modelo tipo de Estatutos de Sociedade Civil.

Solicitude para o recoñecemento de agrupación forestal de xestión conxunta

1. As solicitudes das persoas interesadas que pretendan o recoñecemento de  agrupación forestal de xestión conxunta deberán, ademais dos requisitos xerais establecidos no artigo 66 da Lei 39/2015, do 1 de outubro , do procedemento administrativo común das administracións públicas, presentar a seguinte documentación (modelo sede electrónica Xunta de Galicia, MR608B - Recoñecemento de agrupación forestal de xestión conxunta):

a) Datos da persoa solicitante.

b) De selo caso, datos da persoa representante.

c) Identificar a tipoloxía da agrupación proposta. En particular; tipoloxía consonte o disposto no artigo 122 da Lei 7/2012, de 28 de xuño de montes de Galicia (asociación sen ánimo lucro, comunidade de bens, cooperativa) , NIF e nome da agrupación, datos de enderezo e contacto da agrupación, CNAE principal, data notarial de constitución, data de inscrición no rexistro mercantil, superficie total (ha), superficie da que se dispón de dereitos de uso (ha), identificación da/s persoa/s administradoras, número de RESFOR da persoa que lle presta servizos profesionais de xestión forestal e número de persoas socias.

d) De ser o caso, solicitude da declaración de utilidade pública e interese social para a actuación de xestión conxunta.

e) No caso de asociacións sen ánimo de lucro poderá solicitar no mesmo trámite a declaración de utilidade pública da asociación.
Achegar como documentación complementaria a seguinte documentación:

a) Acreditación da representación, de selo caso (formato *.pdf).

b) Copia dos estatutos da agrupación (formato *.pdf).

c) Listaxe para identificar a superficie da iniciativa de actuación de xestión ou comercialización conxunta, mediante o conxunto das referencias catastrais, e para cada unha delas, coa relación da persoa ou persoas titulares (NIF e nome) xuntamente coa súa porcentaxe e dereito sobre a parcela catastral (PR: Propiedade, NP: Nuda propiedade, US: Usufructo, CA: Concesión administrativa, DS: Dereito de superficie ou DF: Desfrutador). No caso de parcelas obxecto de acordos de cesión entre titulares de terreos e a propia agrupación forestal de xestión conxunta, dita agrupación (NIF e nome) formará parte da listaxe sinalando un dereito de superficie (DS) sobre a referencia ou referencias catastrais obxecto de acordo. Formato *.xls, *.xlsx, *.csv, *.ods, consonte o seguinte modelo.

d) Documentación que acredite a disposición dos dereitos de uso da superficie das terras de natureza forestal incluídas no ámbito da iniciativa de xestión ou comercialización conxunta. Deberase acreditar a disposición dos dereitos de uso dunha porcentaxe superior ao 70 % da superficie das terras incluídas no ámbito da iniciativa (formato *.pdf).

Respecto da xustificación dos dereitos de uso, para os efectos recollidos na Lei 7/2012, de montes de Galicia e salvo proba en contrario, a Administración considerará a persoa que con tal carácter conste en rexistros públicos que produzan presunción que só poida ser destruída xudicialmente ou, na súa falta, a quen apareza con tal carácter en rexistros fiscais, ou finalmente a quen o sexa pública e notoriamente, aínda que careza do oportuno título escrito.

e) Listaxe onde, para cada persoa socia, de ser de aplicación, se indique o tipo de participación como socio (de superficie, de capital, mixta), clase de participación (forestal, xeral), número de participacións, e prazo de delegación ou cesión en anos. Formato *.xls, *.xlsx, *.csv, *.ods, consonte o seguinte modelo.

f) Declaración responsable para acreditar a dispoñibilidade dos medios persoais e técnicos precisos e a obriga de mantelos ao longo de toda a actividade (formato *.pdf).

En calquera caso non se deberá superar o límite de tamaño establecido para o conxunto de ficheiros, que será de 50 MB (xa sexan un ou máis ficheiros). Consulte "Como podo presentar documentos de gran tamaño ou noutros formatos?"

2. Os terreos incluídos dentro do ámbito da iniciativa non poderán formar parte doutra agrupación co mesmo obxecto.

3. O órgano forestal, solicitará, de ser o caso, a emenda e mellora da solicitude, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015. En particular, poderá solicitar, de acordo co indicado neste precepto, a aclaración da documentación presentada e a modificación do ámbito da actuación.Á vista da documentación achegada e, de ser o caso, as súas emendas, o órgano forestal resolverá o recoñecemento da agrupación de xestión conxunta. O órgano forestal notificará a resolución de recoñecemento da agrupación de xestión conxunta e da viabilidade da superficie de actuación dentro do prazo de seis meses desde a data en que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para resolver.

4. As asociacións sen ánimo de lucro poderán ser declaradas de utilidade pública de acordo cos requisitos establecidos na lexislación de asociacións. En particular, a Administración autonómica entenderá que promoven o interese xeral, para os efectos do previsto na lexislación de asociacións, aquelas inscritas no Rexistro de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta cuxa actividade se refira a terreos compostos, cando menos, nun 85 % por formacións arbóreas das especies do anexo I da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, ou de piñeiro do país (Pinus pinaster Ait.).

Xestión das parcelas incluídas no ámbito da actuación de xestión forestal conxunta

1. Na superficie da iniciativa de actuación de xestión forestal conxunta, as persoas titulares ou con dereitos de uso ou aproveitamento de parcelas forestais non pertencentes á agrupación forestal de xestión conxunta, ou que non teñan acordos de cesión coa dita agrupación para o uso e o aproveitamento do seu predio, quedan obrigadas a manter unha adecuada xestión forestal da súa propiedade, cando menos mediante a súa adhesión a modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais que alcancen un nivel de actividade de xestión forestal equiparable ao da agrupación forestal. O incumprimento desta obriga poderá xustificar o inicio dun procedemento de declaración de parcelas en situación de abandono ou infrautilización, segundo o disposto na lexislación en materia de recuperación da terra agraria sempre que se tivera solicitado a declaración de utilidade pública e interese social para a superficie a de xestión conxunta.

2. No caso de que, tras a declaración de abandono ou infrautilización, as persoas titulares das parcelas opten por incorporalas ao Banco de Terras, esta incorporación deberá efectuarse a través dun arrendamento pactado a favor da agrupación de xestión conxunta, segundo o disposto na lexislación en materia de recuperación da terra agraria.

3. As parcelas declaradas en situación de abandono ou infrautilización no número anterior poderán ser obxecto do réxime de permutas voluntarias ou de permutas de especial interese agrario, segundo o disposto na lexislación en materia de recuperación de terra agraria.

Modelos de estatutos para agrupacións forestais de xestión conxunta e modelos tipo para constituír dereitos de uso e aproveitamento

A Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, prevé a necesidade de promover a xestión conxunta de aproveitamentos agrogandeiros e forestais en Galicia, co obxectivo de fomentar o desenvolvemento sustentable e a preservación dos recursos naturais.

En particular, o artigo 73 da Lei 11/2021, do 14 de maio, regula a xestión conxunta dos aproveitamentos agroforestais e establece que as agrupacións forestais de xestión conxunta se rexerán pola Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, ou norma que a substitúa, así como polo disposto nesa lei, e prevé a exixencia dunha orde da consellería competente en materia do medio rural para o desenvolvemento dun modelo de estatutos para os diferentes tipos de agrupacións de xestión conxunta.

Así mesmo, a Lei 7/2012, do 28 de xuño, regula os requisitos das agrupacións forestais de xestión conxunta e regula no seu artigo 122 ter as previsións que recollerán os estatutos da agrupación de xestión conxunta, sempre que pola súa natureza mercantil sexan aplicables.

Do mesmo xeito, a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, establece as disposicións específicas para a xestión dos recursos forestais e o seu artigo 122 ter.3 establece que a Administración forestal facilitará ás persoas titulares de predios forestais modelos tipo para a constitución dun dereito de uso e aproveitamento a favor de terceiras persoas.

Como medida para facilitar a constitución de agrupacións forestais de xestión conxunta e a formalización de dereitos de uso e aproveitamento en Galicia a favor delas, considérase necesario a publicación de modelos de estatutos e modelos tipo para a constitución de dereitos de uso e aproveitamento que sirvan como guía e referencia para as partes interesadas.

Aquí para ver a ORDE do 17 de outubro de 2023 pola que se publican modelos de estatutos para agrupacións forestais de xestión conxunta e modelos tipo para constituír dereitos de uso e aproveitamento en Galicia.

Modelos editables:

Modelos de estatutos para as diferentes agrupacións forestais de xestión conxunta:

Modelos tipo para a constitución de dereitos de uso e aproveitamento a favor de terceiras persoas: