Adhesión a modelos silvícolas ou de xestión forestal sustentable

Compartir

Galicia desenvolveu diferentes instrumentos operativos de xestión forestal tendo en consideración a situación actual do monte galego. Para elo estableceuse un gradiente de requirimentos e contidos, sendo estes máis amplos para instrumentos de ordenación (proxectos de ordenación) e máis flexibles para instrumentos de xestión (documento simple de xestión, documento conxunto de xestión e adhesión a modelos silvícolas e referentes de boas prácticas), en particular creouse unha figura simplificada e adaptada ás persoas propietarias ou titulares de pequenas superficies forestais (<15 héctareas en couto redondo), ás necesarias agrupacións das ditas persoas e aos/ás silvicultores/as galegos/as mediante a adhesión a modelos silvícolas e compromisos de boas prácticas (“Best Management Practices” BMP) elaborados pola administración e que virían a satisfacer o abano e diversidade do monte galego.

A estes efectos, a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, determina no seu artigo 79 as diferentes categorías dos instrumentos de ordenación ou de xestión forestal, sinalando aos referentes de boas prácticas e modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos como “instrumentos de xestión forestal, para a xestión e o aproveitamento dos montes, baseados na análise das especies existentes e nas súas quendas de corta cando as ditas especies sexan arbóreas. Así mesmo, garantirán que non se poña en perigo a persistencia dos ecosistemas e que se manteña a capacidade produtiva dos montes. A súa estrutura, contido, forma de adhesión, comunicación á Administración forestal e consecuencias do seu incumprimento serán desenvolvidos mediante orde da consellería competente en materia de montes”.

Dita orde foi publicada no DOG número 106 do 5 de xuño de 2014, establecendo a estrutura e contidos mínimos de ditos modelos, definindo até 22 deles no seu anexo I e completando este tipo de instrumentos de xestión cun código ou referente de boas prácticas que contén os principios e criterios de xestión forestal sustentable desenvolvidos ao abeiro das diferentes conferencias ministeriais para a protección dos bosques en Europa. Posteriormente, en febreiro do ano 2021, o anexo I de modelos silvícolas e de xestión forestal orientativos, foi modificado cunha nova orde.

O proceso administrativo para a adhesión a este tipo de instrumentos polos titulares forestais regúlase a través do Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia, en particular polo Decreto 32/2016, de 23 de marzo, polo que se modifica devandito decreto 52/2014, e que se substancia cunha comunicación do titular ante a administración forestal.

Os actuais modelos en vigor son:
Especie Código MS Obxectivo do modelo Intensidade de xestión Grao de resiliencia Tríptico

Piñeiro do país (Pinus pinaster Ait.)

PP1

Madeira para trituración, pequena porcentaxe para serra. Máxima produtividade en madeira.

Media-Alta

Media-baixa

PP1

PP2

Madeira de serra e chapa. 400-500 pés/ha de calidade en corta final.

Media-Alta

Media-baixa

PP2

PP3

Madeira técnica a quenda curta.

Media-alta

Media-baixa

PP3

PMR

Produción mixta madeira-resina en piñeirais.

Media-alta

Media-baixa

PMR

Piñeiro manso (Pinus pinea)

PPA1

Produción de piñón e madeira.

Media-alta

Media-baixa

PPA1

Piñeiro insigne (Pinus radiata D. Don.)

PR1

Madeira para trituración, pequena porcentaxe para serra. Máxima produtividade en madeira.

Alta

Media-baixa

PR1

PR2

Madeira de serra e chapa. 250-300 pés/ha de calidade en corta final.

Alta

Media-baixa

PR2

PR3

Madeira técnica a quenda curta.

Media-Alta

Media-baixa

PR3

Piñeiro silvestre (Pinus sylvestris L.)

PS1

Produción multifuncional. Madeira de serra e chapa. 250 pés/ha de calidade en corta final.

Media

Baixa

PS1

PS2

Madeira técnica a quenda curta con persistencia do piñeiral.

Media-alta

Baixa

PS2

Piñeiro negral (P. nigra subsp. salzmannii var. corsicana)

PN1

Madeira de serra e chapa. 250 pés/ha de calidade en corta final.

Media

Baixa

PN1

Piñeiro de Oregón (Pseudotsuga menziesii Mirb. Franco)

PM1

Madeira de serra e chapa. 200 pés/ha de calidade en corta final.

Media

Media-baixa

PM1

Eucalipto branco (Eucalyptus globulus Labill.)

EG1

Madeira para pasta/trituración, diámetro obxectivo aos 12 anos de 25 cm. Ata 40 anos para bateas e chapa.

Alta

Media

EG1

EG2

Madeira para serra, diámetro obxectivo aos 25 anos de 50 cm, en aproximadamente 200 pés/ha de calidade. A 40 anos para bateas ou chapa.

Alta

Media

EG2

Eucalipto nitens (Eucalyptus nitens Deane&. Maiden)

 

EN1

Madeira para pasta/trituración con diámetro obxectivo aos 12 anos de 25 cm.

Alta

Media-baixa

EN1

EN2

Madeira para serra, diámetro obxectivo aos 25 anos de 50 cm, en aproximadamente 200 pés/ha de calidade.

Alta

Media-baixa

EN2

Carballo (Quercus robur L.)

QR1

Protección, conservación e madeira de calidade, con 70-100 pés/ha de calidade en corta final.

Media

Media-alta

QR1

QR2

Conservación e produción de leñas.

Media-baixa

Media-alta

QR2

Cerquiño (Quercus pyrenaica Will.)

QP1

Aproveitamento de leñas.

Media-Alta

Moi alta

QP1

QP2

Persistencia e produción multifuncional en reboleiras en monte alto.

Media-baixa

Alta

QP2

Sobreira (Quercus suber L.)

QS1

Persistencia e produción multifuncional en sobreirais.

Media-baixa

Alta

QS1

Bidueiro (Betula celtiberica Rothm&. Vasc)

BC1

Madeira para serra e chapa. 250 pés/ha de calidade en corta final.

Media

Media

BC1

Cerdeira (Prunus avium L.)

PA1

Madeira para serra e chapa. 100-150 pés/ha de calidade en corta final.

Media

Media

PA1

>Castanea sativa Miller (altitude >550 m.) ou Castanea x hybrida (altitudes menores)

CS1

Madeira para serra e chapa. 200-250 pés/ha de calidade en corta final.

Media-Alta

Media-Alta

CS1

CS2

Produción froiteira en novas plantacións.

Alta

Media-Alta

CS2

CS3

>Produción de froito  e outros aproveitamentos e persistencia en soutos tradicionais.

Alta-media

Alta

CS3

Chopo (Populus spp, en particular Populus × interamericana)

PCA

>Produción de madeira  apta para o desenrolamento.

Moi alta

Baixa

PCA

Masas de frondosas con alto valor de madeira

PFMV

Produción madeira de chapa e desenrolamento.

Moi alta

Baixa

PFMV

Xénero Pinus spp.

PF1

Produción multifuncional: micosilvícola de fungos e de madeira.

Media

Media-baixa

PF1

Xénero Quercus spp. e Castanea  spp.

PF2

Produción multifuncional: micosilvícola de fungos e de madeira.

Media

Media-alta

PF2

Sistema silvopastoril

SS1

Produción multifuncional: de pastos e de madeira.

Alta

Moi alta

SS1

Sistema pastoril

SP

Produción de pasto para gandería extensiva de carne.

Media

Moi alta

SP

Masas (principalmente xénero Quercus spp) consolidadas de frondosas autóctonas.

 

SEF

Persistencia e produción de madeira de serra.

Alta

Media

SEF

SPN

Persistencia, produción múltiple e conservación da biodiversidade nas masas consolidadas de frondosas autóctonas mediante silvicultura próxima á natureza.

Media-Alta

Alta

SPN

XFAS

Persistencia, produción múltiple e conservación da biodiversidade nas masas consolidadas de frondosas autóctonas mediante tratamento de rareo sucesivo.

Media-baixa

Alta

XFAS

RBA

Conservación de formacións  autóctonas mediante non intervención e adecuada protección en forma de microrreservas.

Baixa-media

Media-alta

RBA

Formacións ripícolas

XBR

Persistencia, produción múltiple e conservación da biodiversidade en bosques de ribeira.

Alta

Moi alta

XBR

Infraestruturas verdes (Rodais recreativos)

RR

Compatibilizar o uso publico coa adecuada protección e xestión do sistema forestal.

Alta

Baixa

RR

 

O referente de boas prácticas é o conxunto de técnicas ou prácticas de xestión forestal definidas co fin de guiar e salvagardar que a execución e desenvolvemento das actividades forestais se realice de xeito eficaz e segundo criterios que aseguren a súa sustentabilidade, definidos nas conferencias ministeriais sobre protección de bosques en Europa:

REFERENTES DE BOAS PRÁCTICAS FORESTAIS

A PERSOA XESTORA FORESTAL COMPROMÉTESE A CUMPRIR AS SEGUINTES PRÁCTICAS FORESTAIS:

1. Lexislación aplicable.

  • Cumprimento da lexislación vixente en materia de montes, de prevención e defensa contra incendios forestais, de montes veciñais en man común, de ser o caso, conservación da natureza, elementos de interese cultural, e de calquera outra lexislación concorrente en materia sectorial.
  • Velar para que todos os axentes involucrados na xestión forestal sustentable coñezan, se formen e cumpran coa lexislación vixente aplicable, especialmente aquela de carácter ambiental e de seguridade e saúde.
  • Cumprir coas distancias mínimas, legalmente establecidas na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, que deben respectar as repoboacións forestais e os rexenerados naturais.
  • Cumprir coas obrigas en materia de redes de faixas de xestión de biomasa legalmente establecidas na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais.

2. Uso múltiple do monte.

  • Lograr coa súa xestión a multifuncionalidade, fomentando a función económica, ambiental, recreativa e social do monte, esta última especialmente nos montes periurbanos.

3. Planificación.

  • Contar cun instrumento de ordenación ou xestión ou realizar a adhesión aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas, en cumprimento coa lexislación vixente e respectando as instrucións de ordenación e xestión de montes de Galicia.

4. Repoboación/rexeneración.

  • Adoptar as medidas necesarias para asegurar a persistencia da masa arborada cando así estea planificado. Fomentando, sempre que sexa posible, a rexeneración natural, pero facendo uso da plantación artificial cando o éxito da rexeneración non estea asegurado ou as características xenéticas da masa non sexan as máis axeitadas ou poidan ser mellorables.
  • Utilizar as especies arbóreas máis axeitadas á estación forestal e material reprodutivo que terá identificada a súa orixe e procedencia, sendo aconsellable, sempre que sexa posible, cando menos material selecto. Igualmente darase cumprimento en materia de procedencia (artigo112.4 da Lei 7/2012), calidade exterior do material e sanidade vexetal, debendo sempre dispoñer do documento provedor e pasaporte fitosanitario correspondente.
  • Recorrer á fertilización nas plantacións unicamente baixo xustificacións técnicas e usando só os produtos legalmente autorizados.
  • Se se opta polo rexenerado natural evitarase extraer pina en cantidade excesiva que reduza a cantidade de semente necesaria e trituraranse os restos para o seu espallamento e diseminación.
  • Velar polo éxito do rexenerado e tomar as medidas oportunas para o seu correcto desenvolvemento, especialmente no que se refire á protección contra herbívoros salvaxes e domésticos, e fomentar a existencia de árbores pai.
  • Traballar con bo tempero para asegurar o éxito da repoboación e minimizar os danos ao solo.

5. Pragas e enfermidades.

  • Vixiar o arboredo de xeito que se poida detectar a aparición dunha posible praga ou enfermidade nun breve espazo de tempo e realizar a preceptiva comunicación á consellería competente en materia de sanidade forestal.
  • Cumprir coas obrigas que se diten en materia de medidas e tratamentos fitosanitarios obrigatorios para o control e a loita contra pragas e enfermidades forestais, especialmente daquelas emerxentes, cando se declare a súa existencia e se delimite a zona afectación.

6. Produtos fitosanitarios.

  • Empregar produtos fitosanitarios químicos unicamente en casos excepcionais e sempre con produtos autorizados e de acordo coas especificacións establecidas (doses, medidas de seguridade e saúde...). Xustificar tecnicamente a aplicación destes produtos autorizados. Sempre que sexa posible, recoméndase a utilización de técnicas de loita integrada.

7. Incendios.

  • Vixiar e informar inmediatamente en canto se detecte fume ou calquera conato de incendio e, se é o caso, avisar os servizos de prevención e defensa contra incendios forestais (085). De ser necesario, segundo a lexislación vixente, seguiranse as indicacións do director de extinción.

8. Tratamentos silvícolas.

  • As intensidades de poda deberán estar comprendidas entre 1/3 e 1/2 da altura total da árbore, nunca superiores. E os pesos e intensidade do sistema de claras non excederá o 60 % da área basimétrica da masa inicial antes do tratamento, aplicando preferiblemente pesos do 30-50 %, diminuído o dito peso cando o índice de esveltez das árbores sexa elevado ou exista risco de dano por derrubamentos.
  • Favoreceranse medidas de silvicultura, incluída a implantación e mantemento de sistemas pascícolas ou silvopascícolas rexistrados, e da rede de infraestruturas en terreos forestais que garantan a descontinuidade horizontal e vertical da biomasa forestal.
  • É conveniente realizar o sinalamento da madeira previamente á corta intermedia ou final, especialmente no caso de masas de frondosas caducifolias do anexo I da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

9. Trituración de restos.

  • Triturar os restos forestais (non maiores de 50 cm) logo da actuación e facer o seu espallamento mediante rozadora de cadeas ou martelos. Alternativamente poderanse retirar os restos do monte para o aproveitamento enerxético ou compostaxe, sendo aconsellable deixar unha porcentaxe mínima dun 30 % (fraccións máis finas) co fin de non impactar no ciclo de nutrientes do solo de forma significativa.
  • Por dificultades de mecanización xustificadas, baseadas en porcentaxes de pendentes, en calquera caso superiores ao 30 %, ou por unha elevada pedregosidade, condicións de pluviometría que supoñan risco de erosión ou grave compactamento do solo ou por motivos ambientais poderase excepcionar a obriga de triturar ou extraer debendo cando menos facer un picado dos restos.
  • A dita obriga exceptuarase, e sempre por causas excepcionais como, entre outras, a imposibilidade técnica de trituración ou extracción de restos tras a declaración de ameaza ou grave risco de pragas ou enfermidades na zona, cando se obtivese a preceptiva autorización para a queima de restos forestais prevista na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Regularanse as ditas queimas segundo as condicións dispostas na lexislación vixente.

10. Rede viaria.

  • Tomar as medidas oportunas, especialmente nos aproveitamentos madeireiros, para racionalizar as vías de saca ou trochas (número e distanciamento). Limitar o largo da vía ao estritamente necesario para o paso e traballo da maquinaria; aconséllase non sobrepasar os 3,5 metros de largo. Recoméndase romper a continuidade das vías de saca á fin de reducir os danos por vento (derrubamentos principalmente dos pés que delimitan a rúa) e diminuír o impacto paisaxístico.
  • Na medida do posible, a vía de saca non coincidirá ou respectará os bosquetes de latifoliadas.
  • Minimizar o número de ramais cegos da rede viaria forestal, evitando tramos de excesiva pendente e construíndo obras de drenaxe tecnicamente xustificadas.

11. Conservación de fauna e flora.

  • Fomentar, na súa planificación, o mantemento e conservación da diversidade de especies e ecosistemas na unidade de xestión, tales como a creación de mouteiras maduras nas que se dean procesos de naturalización.
  • Fomentar, na súa planificación, o mantemento das árbores mortas, sempre que non supoñan riscos na estabilidade do ecosistema (pragas, enfermidades ou incendios)
  • Promover a formación de masas mixtas ou, cando menos, asegurar a aparición e mantemento de especies acompañantes á principal, especialmente frondosas autóctonas, que proporcionen máis estabilidade ao ecosistema forestal.
  • Durante a época de cría evitarase a corta polo pé de árbores.
  • Velar pola protección, mantemento e mellora das áreas de vexetación ripícola, é dicir, aquelas situadas nas marxes das canles fluviais. Evitar a utilización de produtos químicos e a acumulación de residuos que poidan deteriorar as canles dos leitos.

12. Xestión de residuos.

  • Velar polo mantemento, dentro do monte ou parcela forestal, da limpeza de residuos causados polas actividades forestais. Evitar a vertedura de residuos industriais (lubricantes, fuel) nos labores forestais, usando como norma xeral produtos biodegradables e acondicionando zonas de limpeza para maquinaria e equipos. O tratamento de residuos será feito pola persoa xestora debidamente homologada.
  • Manter as obras limpas que se fagan no monte ou parcela forestal, sen restos de lixo espallados polo chan. Estes residuos urbanos deberanse recoller e depositar nun contedor axeitado.
  • De se producir residuos perigosos, deberán respectar as seguintes indicacións: os residuos perigosos non se poden mesturar con outros residuos, tampouco entre eles. Débense eliminar a través da persoa xestora de residuos autorizada. Se se mesturan coa terra, extraerase a capa afectada, almacenarase no seu correspondente contedor/bolsa e tratarase como residuo perigoso.

13. Minimización de impactos.

  • Minimizar o uso de tratamentos silvícolas que produzan graves impactos paisaxísticos. Para isto, racionalizaranse as superficies de corta a feito e deixaranse pequenas mouteiras maduras ou de árbores mortas que interrompan a uniformidade da corta, así mesmo fomentaranse nas cortas a feito perímetros irregulares que supoñan un menor impacto visual e paisaxístico.
  • Adoptar as medidas necesarias para minimizar os impactos: na vexetación remanente despois da corta de rexeneración ou do tratamento silvícola, no solo a longo prazo, así como nas infraestruturas forestais, nomeadamente pistas e devasas, evitando compactamento e afectación ao sistema de drenaxe.
  • Na medida do posible, deberase minimizar a emisión de contaminantes atmosféricos (gases de combustión da maquinaria e dos equipos, po) e acústicos, sendo aconsellable manter en perfecto estado a maquinaria e equipos, planificar axeitadamente os tempos de transporte, circular con moderación naqueles lugares onde se xere po, respectar os límites de velocidade e posuír, cando corresponda, a marcaxe CE ou a ITV.

14. Seguridade e saúde laboral.

  • Deberase cumprir coa lexislación vixente en materia de riscos laborais, posuíndo, os operarios que traballen no monte ou parcela forestal, os equipos de seguridade homologados, a formación adecuada, e demais requirimentos durante a execución das actividades forestais.
  • Empregar persoal especializado no ámbito forestal para a planificación, execución e control das actuacións.