Centros de investigación

Compartir
Centro de investigacións agrarias de Mabegondo (CIAM)

O CIAM depende da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal). Ten a función de realizar investigacións aplicadas e básicas orientadas nas liñas de investigación preferentes dos programas de recursos e tecnoloxías agroalimentarias.

O CIAM realiza tamén unha difusión directa da Tecnoloxía desenvolvida a través dos Días de Campo (dos que se vén celebrando un cada ano, ou ben cada dous anos), reunións específicas con sectores e grupos específicos (ovino, vacún, matadoiros e carniceiros, transformadores lácteos, sementistas etc.), visitas dos agricultores e alumnos de centros de ensino técnico ás fincas e laboratorios do CIAM, xuntanzas co Servizo de Extensión Agraria, charlas dos investigadores do CIAM aos técnicos e agricultores das cooperativas ou outras institucións que así o demandan, e a publicación da Memoria anual do CIAM.

Ten asinados varios convenios de colaboración con empresas de alimentación e nutrición, cooperativas de leite e de carne, empresas de produción de semente, e tamén coa Universidade de Santiago co obxectivo de desenvolver tecnoloxías que poidan ser utilizadas e comercializadas directamente polas entidades colaboradoras. Algúns destes convenios están amparados financeiramente por proxectos CDTI.

As tecnoloxías desenvolvidas no CIAM nos últimos anos sobre transformación de montes en praderías, sistemas de engorde de tenreiros procedentes de rabaños de vacas de leite e carne, sistemas de produción de leite, utilización do ensilado e produción do gando ovino, tiveron un impacto importante no sector agrario a través dos agricultores que adoptaron estas técnicas.

Centro de Investigación Forestal de Lourizán (CIF)

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán (CIF) creouse no ano 1943 coa denominación de Centro Rexional de Ensinanzas, Investigacións e Experiencias Forestais (CREIEF) e foi situado na Granxa da Serra e Touza, enclavada na parroquia de Lourizán. A finca foi cedida a tal efecto pola Deputación de Pontevedra no ano 1943 para instalar o laboratorio de investigación ligado ao Instituto Forestal de Investigacións e Experiencias (IFIE). O Centro quedou integrado no Instituto Nacional de Investigación Agraria (INIA) no ano 1973; no 1984 foi transferido á Xunta de Galicia.

Actualmente o (CIF) atópase dentro da estrutura da Subdirección Xeral de Formación e Innovación Agroforestal da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.

Na sociedade actual do coñecemento, é impensable un futuro desenvolvido e sostible para o sector forestal de Galicia alleo á investigación científica. O CIF trata de axudar a ese futuro producindo unha investigación forestal útil ao conxunto da nosa comunidade que debe dar resposta aos problemas do sector forestal apoiada nunha forte transferencia e colaboración con el. Ademais, esa investigación debe posuír unha calidade científica contrastada, xurdida dunha estreita interacción con outros centros de coñecemento nese mesmo eido e noutros.

Sobre a base do anterior, os nosos obxectivos actuais son:

a. Mellorar a produtividade e multifuncionalidade dos espazos forestais.

b. Incrementar a calidade dos bens, servizos e produtos forestais.

c. Promover a sustentabilidade dos ecosistemas forestais e da xestión dos recursos forestais.

d. Mellorar os bens intanxibles subministrados polos espazos forestais (biodiversidade, fixación do Carbono, dispoñibilidade de auga de calidade, conservación do recurso solo, paisaxe,…)

e. Asegurar a perdurabilidade, adaptabilidade e resistencia dos ecosistemas forestais fronte a factores de perturbación (cambio climático, incendios, doenzas e pragas).

f. Transferir coñecemento, información e materiais de utilidade ao conxunto do sector forestal.


O CIF estrutúrase nos seguintes departamentos:

-    Dpto. de Silvicultura e Mellora: estuda técnicas de mellora xenética para a selección de materiais de reprodución e estudos de variabilidade xeográfica orientados á elaboración de recomendacións de uso dos materiais de reprodución, así como recomendacións para a conservación da diversidade xenética.
-    Dpto. de Protección Forestal: desenvolve técnicas para a protección contra os incendios e para a mitigación do impacto ambiental do lume e do cambio climático, así como o efecto das pragas e enfermidades.
-    Dpto. de Ecosistemas: xera continuo coñecemento sobre os distintos compoñentes dos ecosistemas naturais (clima, solo, vexetación e fauna), a súa variabilidade e a resposta aos cambios nas condicións ambientais e alteracións antrópicas.

Os avances desenvolvidos polo CIF teñen un impacto importante no sector forestal de Galicia e contan cunha difusión directa a través de publicacións en medios científicos e técnicos, cursos, xornadas e visitas. Existen, ademais, varios convenios de colaboración firmados entre este centro e empresas do sector privado e universidades, e moitos dos alumnos destas últimas realizan as súas prácticas nas nosas instalacións.

Estación de viticultura e enoloxía de Galicia (Evega)

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) asume como misión esencial fomentar o desenvolvemento tecnolóxico do sector vitivinícola galego a través da investigación aplicada, do asesoramento a viticultores e embotelladores e da realización de actividades formativas. Está tamén recoñecida como laboratorio de análise para produtos derivados da vide. Divídese en tres departamentos: viticultura, enoloxía e laboratorio de análise.

As funcións principais deste centro son:

  • Investigación
  • Servizos ao sector
  • Laboratorio de química enolóxica
  • Asesoramento
  • Transferencia tecnolóxica
  • Formación

Da actividade investigadora do centro derivan materiais e tecnoloxía que van sendo adoptados polo sector vitícola. Independentemente das publicacións en medios de comunicación técnicos e científicos e das numerosas colaboracións noutras publicacións de divulgación técnica, realízase unha difusión directa das tecnoloxías desenvolvidas a través de cursos, xornadas e visitas. Mantéñense tamén reunións periódicas frecuentes cos técnicos das Axencias de Extensión Agraria de todas as zonas produtoras de Galicia.

Os traballos do centro permitiron ata o momento a obtención de 38 clons seleccionados para as variedades Treixadura, Torrontés, Loureira, Godello, Dona Branca, Mencía e Brancellao, así como clons saneados das variedades Albariño e Caíño Bravo. Moito deste material é xa certificable ou está en avanzado proceso de certificación e xa está sendo usado en numerosas plantacións.

As técnicas de elaboración de augardentes deseñadas a partir da investigación do centro foron adoptadas dun xeito masivo polos elaboradores e serviron de base para a elaboración do regulamento da denominación de orixe "Augardentes e licores tradicionais de Galicia".

Tamén foi desenvolvida unha intensa actividade formativa con alumnos procedentes das universidades, que na actualidade traballan como profesionais do sector e contribúen á implantación e difusión das tecnoloxías aprendidas.

Estación experimental de viticultura e enoloxía de Ribadumia

O Centro de Formación e Experimentación de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia desenvolve labores de asesoramento, orientación e ensaio especializados. Os seus servizos van dirixidos a particulares e a profesionais do sector.

Os traballos de experimentación permiten a adopción das novas tecnoloxías e procedementos nas mellores condicións técnicas e económicas. Á difusión destes coñecementos contribúen as visitas concertadas e as actividades de formación.

Leiro, s/n
Ribadumia-Pontevedra
Tel.: 886 159 410
886 159 412
886 159 413

Estación experimental agrícola de Baixo Miño en Salceda de Caselas

Inaugurada en decembro do 1989 atende as demandas de particulares e profesionais no relativo a experimentación e divulgación de prácticas agrícolas, contribuían a unha mellora da rendibilidades das explotacións hortícolas dentro dun marco máis sostible.

A Estación se asenta nunha finca de 7 ha en Entenza (Salceda de Caselas). Conta cunha superficie protexida de 4550 m², correspondendo 4080 m2 a invernadoiros e 470 m² a un umbráculo. Os invernadoiros se reparten en 7 módulos de 400 m², 6 módulos de 200 m² e un invernadoiro de 80 m². Para o cultivo ao aire libre conta 6 campos de ensaio cunha superficie total de 6000 m². O resto da finca se dedica a viñedo e froiteiras, con 5500 m² e 2500 m², respectivamente.

Outras estacións experimentais

Estación experimental de gandaría de montaña Marco da Curra

Estrada Provincial - 0905, Km.34
15619 Monfero (A Coruña)
Tel.: 981 195 247

Estación experimental agrogandeira de Pobra de Brollón

Pacios de Veiga
27330 Pobra de Brollón (Lugo)
Tel.: 988 488 033
Fax: 988 488 191

Transferencia tecnolóxica