Alimentación

Compartir

Alimentacion

 

As industrias agroalimentarias teñen un carácter estratéxico en Galicia por ser un elemento clave para o desenvolvemento do sector agrario, así como, por extensión, para a promoción das zonas rurais de Galicia. Así, as instalacións de transformación e comercialización de produtos agrarios posibilitan a viabilidade das explotacións agrarias, dando valor engadido ás producións e facilitando o seu acceso aos mercados, fomentando ademais a creación e mantemento de postos de traballo, beneficiando ao tecido económico das zonas rurais.

Por todo iso, o apoio a esas instalacións constitúe tradicionalmente un instrumento da política agraria das diferentes Administracións Publicas e, en particular, da Consellería do Medio Rural , mediante diferentes programas de actuación.

Por outra parte, os produtos agrarios e agroalimentarios galegos teñen tradicionalmente fama de calidade, asociada ao uso de materias e ingredientes naturais e á elaboración a través de métodos tradicionais. Esta calidade figura amparada adecuadamente na actualidade mediante denominacións de calidade recoñecidas, cuxa protección e promoción constitúe un elemento esencial da política de calidade da Consellería.