Trátase dunha enfermidade vírica non contaxiosa que afecta ás especies ruminantes. Non é contaxiosa entre eles senón que se transmite a través da picadura de mosquitos vectores do xénero Culicoides spp. Non afecta ás persoas.
Foi detectada en Galicia por primeira vez en 2007, estendéndose progresivamente pola maior parte do territorio da Comunidade Autónoma. Grazas ás campañas de vacinación anuais realizadas naquel momento, xunto con medidas de desinsectación dos vehículos de transporte de animais e outras medidas de vixilancia e control, Galicia consiguiu erradicar a enfermidade e obter o estatuto de “zona libre” desde o ano 2015.
Desde a aparición da enfermidade a partir de 2007, execútase en Galicia e no resto do Estado anualmente un programa de vixilancia, control e erradicación da lingua azul que se sustenta principalmente nas seguintes actuacións:
- Vixilancia sobre animais.
- Vixilancia activa serolóxica e virolóxica sobre animais ruminantes sentinelas dos que se toman mostras periódicamente ao longo do ano para o seu análise no laboratorio.
- Vixilancia pasiva encamiñada a detectar e investigar calquera sospeita da enfermidade nas explotacións de animais ruminantes ou silvestres que fora comunicada por calquera persoa (gandeiros/as, persoal veterinario, etc).
- Vixilancia entomolóxica (sobre o mosquito transmisor): mediante trampeos realizados semanalmente ao longo do ano en distintas zonas da xeografía galega, co fin de detectar a presenza do mosquito vector, que presenta un período de actividade (período de circulación de vector, aproximadamente desde abril a decembro, no que é posible a transmisión da enfermidade) e un período de inactividade nos meses restantes (período libre de vector onde non é posible a transmisión do virus causante).
Como resultado do programa de vixilancia 2022-2023, no mes de febreiro 2023 detectáronse 4 focos do serotipo 4 do virus da Lingua Azul nos concellos de Castro Caldelas e Sarreaus na provincia de Ourense e nos concellos de As Neves e Fornelos de Montes na provincia de Pontevedra.
A detección de circulación do virus nesas zonas, en aplicación da Orden APA/1251/2020, de 21 de decembro, pola que se establecen medidas específicas de protección en relación coa lingua azul, determinou o 20/02/2023 o establecemento da denominada “zona de restrición (ZR)” que queda suxeita a determinados requisitos, principalmente:
- Os bovinos e ovinos maiores de 3 meses localizados en explotacións en ZR deben ser obrigatoriamente vacinados e revacinados anualmente durante dúas anualidades máis (2024 e 2025).
- Os bovinos e ovinos con orixe na ZR precisan para o seu movemento a cualquera destino dentro ou fóra de Galicia proceder dunha explotación vacinada, estar vacinados (ou ben se son menores de 4 meses, ser fillos de nais vacinadas) e transportarse en vehículos desinsectados antes da carga.
Estes requisitos deben cumprirse mentres o territorio se atope no período estacional de circulación do mosquito vector (abril a decembro aproximadamente).
A ZR declarada en Galicia comprende a totalidade do territorio das provincias de Ourense e Pontevedra e os concellos do sur da provincia de Lugo: Chantada, Carballedo, Taboada, Láncara, O Páramo, Paradela, Sarria, Triacastela, Samos, O Incio, O Saviñao, Bóveda, Pantón, Sober, Monforte de Lemos, A Pobra de Brollón, Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil.
Por outra banda, a citada Orden APA/1251/2020 establece a posibilidade da vacinación voluntaria polas persoas gandeiras de bovinos e ovinos localizados no resto do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia fóra da referida ZR.
A Consellería do Medio Rural (CMR) iniciou o 7 de marzo de 2023 unha campaña de vacinación en saba de toda a poboación de bovinos e ovinos susceptibles localizados na ZR, que finalizou a principios do mes de agosto.
A partir da finalización desta vacinación en saba, é necesario continuar coa vacinación na ZR dos animais que o vaian precisando, segundo vaian acadando a idade preceptiva de vacinación, así como doutros animais que por proceder de zonas libres do resto do Estado ou doutros Países Membros, se incorporen ao territorio da ZR e non estiveran vacinados.
Para realizar esta vacinación “de continuidade” a Consellería do Medio Rural deseñou un sistema mixto consistente en:
- unha parte pública gratuita a realizar por persoal dependente da CMR mediante un cronograma de visitas programadas escalonadamente seguindo a orde cronolóxica realizada na vacinación en saba.
- outra parte non pública realizada por persoas veterinarias privadas autorizadas pola CMR para realizar esta vacinación e ás que as persoas gandeiras poden solicitar o servizo de vacinación se non desexan esperar as visitas dos equipos da parte pública, correndo cos gastos do servizo solicitado.
En calquera caso, a CMR subministra de balde a vacina ao persoal veterinario interviniente.
No seguinte enlace pódese visualizar a listaxe de persoas veterinarias privadas autorizadas para a vacinación de lingua azul en Galicia e que autorizaron á CMR a difusión dos seus datos de contacto, accesibles ás persoas gandeiras que o precisaran.
Relación persoas veterinarias autorizadas vacinación lingua azul
Finalmente cómpre indicar que coma calquera outro produto biolóxico, a aplicación da vacina de lingua azul pode producir moi excepcionalmente reaccións adversas. O numeroso censo vacinado ata agora en Galicia no presente ano confirma que estas reaccións son absolutamente excepcionais.
En calquera caso, de existir reaccións adversas relacionadas coa vacinación (mortes ou abortos), é imprescindible que a persoa gandeira afectada o comunique de inmediato aos servizos veterinarios oficiais, que lle indicarán o procedemento habilitado ao efecto para a solicitude da indemnización compensatoria para os casos de morte ou aborto nos que se poida determinar unha relación de causalidade coa aplicación da vacina de lingua azul.