Os montes veciñais en man común e as súas mancomunidades

Compartir

Os montes veciñais en man común (MVMC) constitúen un tipo de propiedade privada de natureza xermánica singular no contexto estatal, localizándose maioritariamente no noroeste de España e, case exclusivamente en Galicia. Segundo datos do Rexistro de MVMC existen na actualidade 3.312 montes clasificados polos Xurados provinciais, totalizando 664.230 ha, o que dá unha cifra media de 220 ha por monte (rango de 92 a 430 ha, segundo o distrito forestal).

A distribución dos MVMC non é homoxénea nas 4 provincias galegas: 39,2% destes montes sitúanse en Ourense, un 30% en Lugo, 21,7% en Pontevedra e só 9,1% na Coruña. O número total de comuneiros en Galicia é de 122.734, cunha media de 44 comuneiros por monte. As cifras indican a grande importancia superficial e social deste tipo de propiedade privada e colectiva (artigo 60 da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia).

Con todo, os importantes cambios socioeconómicos acaecidos no medio rural galego durante a segunda metade do século XX e o XXI desencadearon problemas importantes de abandono da xestión, de modo que unha porcentaxe próxima ao 10% non dispón de estatutos vixentes e un 34% non ten Xunta reitora actualizada. Prodúcense tamén problemas no mantemento actualizado do censo de comuneiros ou na comunicación en tempo dos reinvestimentos, estimándose que un 40,2% dos MVMC non están ao día nesas prácticas de xestión. A situación é máis desfavorable nos distritos interiores e de montaña, de maior envellecemento poboacional.

Para consultar a relación de montes veciñais en man común diríxase aquí.