Programa de vixilancia sanitaria do gando porcino

Compartir

Este programa sanitario desenvólvese en Galicia e no resto do Estado desde o ano 2002 con dous obxectivos principais:

  • Realizar unha vixilancia activa da presenza das enfermidades de porcino obxecto de vixilancia co fin da súa detección precoz.
  • Acreditar o estatus sanitario de Galicia e do resto do estado en relación con estas enfermidades.

No seu orixe ía dirixido á vixilancia da peste porcina africana (PPA), peste orcina clásica (PPC), enfermidade de Aujeszky e enfermidade vesicular porcina, as patoloxías máis relevantes de declaración obrigatoria no gando porcino. Posteriormente quedaron fora deste programa a enfermidade de Aujeszky, por contrar cun programa de vixilancia e control propio e enfermidade vesicular porcina ao quedar fóra da lista de enfermidades de interese da Oficina Internacional de Epizootias (OIE), a organización mundial da sanidade animal.

Debido ao cambio de situación epidemiolóxica causado polo incremento na incidencia da PPA nos países do este de Europa, no ano 2014 reforzouse notablemente a vixilancia, tanto pasiva como activa, de cara a conseguir unha detección rápida desta enfermidade no caso de que se producira a entrada do virus  da PPA no territorio nacional.

As principais actuacións que se están a levar a cabo de acordo coa situación de risco sanitario actual son:

  • Vixilancia serolóxica activa mediante controis periódicos dunha mostra representativa de explotacións porcinas.
  • Vixilancia activa en movementos de entrada en Galicia procedentes doutros países con destino a vida, realizándose inspección clínica das partidas  e toma de mostras para diagnóstico serolóxico e virolóxico.
  • Control das condicións de limpeza e desinfección dos vehículos de transporte de animais vivos procedentes dos países de maior risco.
  • Vixilancia en matadoiros mediante investigación postmortem de lesións compatible coa PPA nos sacrificios porcinos de rutina.
  • Programa de reforzo da bioseguridade nas explotacións porcinas.
  • Campañas de información e concienciación dirixida a todos os axentes implicados (gandeiros, transportistas, veterinarios, empresas comercializadoras de porcino, etc..).