Consello Forestal de Galicia

Compartir

O Consello Forestal de Galicia, é o órgano de carácter consultivo e de asesoramento da Administración autonómica en materia forestal, constituirá a canle de participación da sociedade galega co fin de potenciar a xestión sustentable e fomentar o desenvolvemento do monte galego.

Neste órgano estarán presentes os representantes da propiedade, da Administración local, das organizacións empresariais, da investigación e das demais organizacións, asociacións de persoas propietarias, titulares de montes e produtoras e entidades relacionadas co ámbito forestal.

O Consello Forestal de Galicia desenvolverá, entre outras, as seguintes funcións:

  • Coñecer e ser consultado pola administración sobre as propostas de normativas forestais e de planificación territorial forestal.
  • Propoñer ás administracións públicas as medidas que considere necesarias para cumprir os principios desta lei.
  • Analizar medidas e propostas acerca da percepción social do monte.
  • Fomentar o diálogo, a participación e a colaboración entre todas as administracións públicas, institucións, asociacións de persoas propietarias e titulares e comunidades de montes veciñais e demais axentes sociais, económicos e de defensa medioambiental implicados no sector forestal e no uso sustentable dos montes galegos, propiciando o intercambio de información entre todos os integrantes do consello verbo dos temas que sexan obxecto de debate no sector forestal.
  • Impulsar a realización de informes, estudos, seminarios, xornadas, actos ou foros sobre o monte galego, por iniciativa do propio consello.

Por Decreto 306/2004, do 2 de decembro, creouse o Consello Forestal de Galicia como órgano de carácter consultivo e de asesoramento da Administración autonómica en materia forestal, constituíndose como a canle de participación da sociedade galega co fin de potenciar a xestión sustentable e fomentar o desenvolvemento do monte galego. Este Decreto foi obxecto de modificacións mediante o Decreto 547/2005, do 20 de outubro, á fin de adaptar a súa composición á estrutura orgánica da Xunta de Galicia; e Decreto 33/2010, do 11 de marzo, adaptando a composición do Consello Forestal de Galicia á nova distribución de competencias entre consellerías e á nova composición dás delegacións territoriais.