Programa vixilancia sanitaria da fauna silvestre

Compartir

Desde o ano 2008, no marco do Programa nacional de vixilancia sanitaria da fauna silvestre, en Galicia existe un sistema de vixilancia sanitaria desta fauna respecto ás enfermidades sometidas a programas de vixilancia ou control oficial. O estado sanitario da fauna silvestre ten un importante papel de sentinela que permite coñecer a difusión das  infeccións dos animais domésticos e determinar, se fora o caso, a necesidade de intervención.

No ámbito deste programa nacional, vixílase a tuberculose, brucelose, peste porcina africana, peste porcina clásica ou a Enfermidade de Aujeszky, entre outras infeccións. Existe ademais a nivel nacional un Plan de actuación sobre a tuberculose en especies silvestres (PATUBES) que obriga a que anualmente en Galicia se mostrexen un mínimo de 600 xabarís para coñecer a súa condición respecto á tuberculose.

As especies silvestres obxecto de mostraxe dentro destes programas de vixilancia son fundamentalmente as cinexéticas, pola súa abundancia, accesibilidade e proximidade filoxenética aos animais de produción. En concreto, a especie diana da mostraxe é o xabaril, pero tamén son moito interese os cérvidos, carnívoros silvestres ou especies avícolas, segundo a enfermidade na que podan ter significación epidemiolóxica. Porén hai outras especies, como é o caso do corzo, que polos seus hábitos no medio natural, non é unha especie de interese neste sistema de vixilancia.

En Galicia todo este sistema de vixilancia da fauna silvestre está coordinado así mesmo cos programas específicos fronte determinadas enfermidades, nos que a fauna silvestre, tanto mamíferos como  aves, xogan un papel importante na epidemioloxía destas patoloxías. Entre estas podemos destacar a Influenza Vviaria, Febre do Nilo Occidental, Peste Porcina Africana, Peste Porcina Clásica, Enfermidade de Aujeszky, Triquinelose, Hidatidose ou Rabia entre outras.


No campo, a vixilancia sanitaria da fauna silvestre lévase a cabo mediante un sistema mixto de vixilancia pasiva e activa.

O sistema de vixilancia pasiva consiste en que en todo o territorio, fundamentalmente os axentes medioambientais, asociacións de cazadores, entidades naturalistas pero tamén  calquera outra persoa, achega á Consellería do Medio Rural os achados de animais silvestres enfermos ou mortos por causas compatibles coas enfermidades infectocontaxiosas obxecto de vixilancia.

Por outra banda, o sistema de vixilancia activa en Galicia lévase a cabo a través de dous tipos de mostraxe, unha mostraxe aleatoria por todo o territorio e unha mostraxe dirixida naquelas zonas onde se detectaron enfermidades de especial interese sanitario no gando, fundamentalmente en sistema de manexo extensivo. Cerca dun centenar de tecores colaboran co Servizo de Sanidade Animal nesa mostraxe cada ano durante a temporada de caza.

Na última década,  realizouse unha ampla mostraxe de invididuos das especies de interese. En concreto respecto ao xabaril,  foron mostrexados máis de 3.000 exemplares distribuidos en todo o territorio galego, o que proporcionou unha información moi valiosa sobre a evolución do estado sanitario desta especie, que afortunadamente (e a diferencia con outras rexións do país) é paralela á evolución no estado sanitario do gando e, polo tanto, moi favorable.

Para levar a cabo as actuacións de vixilancia activa e pasiva na fauna silvestre, a Consellería do Medio Rural está coordinada coas unidades competentes en materia cinexética e de biodiversidade da Consellería do Medio Ambiente Territorio e Vivenda e contan tamén coa participación das entidades cinexéticas galegas.