Estatísticas forestais

Compartir

A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia adica o artigo 103 enteiramente á “Estatística forestal galega” en adición a disposición adicional primeira do Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal, dispoñía a obriga da consellería, “nos primeiros tres meses de cada ano, de publicar e difundir os datos dos aproveitamentos forestais solicitados ou comunicados no ano anterior desagregados por distrito forestal e termo municipal, todo isto de acordo coa normativa estatística de Galicia e, en particular, co previsto sobre planificación e programación estatística”.

Do mesmo xeito, o grupo de traballo para revisión do Plan Forestal de Galicia, creado no seo do Consello Forestal de Galicia no ano 2015, establecía unhas directrices moi concretas ao respecto; “É prioritario dispoñer de estatísticas e información fiable, actualizada e dispoñible das seguintes actividades: Rexistro de MVMC: número de montes clasificados e superficie desagregados por concellos e distritos forestais, número CMVMC, número de comuneiros, número de comunidades en situación irregular...Superficie reforestada anualmente por especies, e distritos forestais así como superficie anualmente traballada mediante tratamentos silvícolas. [...] Asemade debe publicarse, nos tres primeiros meses de cada ano, a superficie obxecto de aproveitamento e produción de madeira por especie, distrito forestal, propiedade e forma de xestión (pública/privada) e doutros produtos e aproveitamentos forestais.”

Xa en novembro do ano 2017 creábase, en sede parlamentaria, a Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan Forestal de Galicia, quen en xullo do ano 2018 aprobaba un Ditame onde incorporaba medidas concretas, entre as que se atopaba a creación dun “Sistema de Información e Estatística Forestal de Galicia, como mecanismo que permita facer diagnoses adecuadas e ser unha ferramenta esencial para a toma de decisións de políticas públicas ou empresariais relacionadas co sector forestal” e a “elaboración pola Consellería do Medio Rural dun informe que certifique a situación das comunidades propietarias dos montes veciñais en man común, detallando de xeito específico a súa estrutura organizativa, o cumprimento das súas obrigas legais e a existencia de instrumentos de ordenación e xestión forestal dos seus montes” esta publicación ven a dar satisfacción a estas medidas.

Asemade, outra das medidas demandadas no Ditame consistía en que “co fin de que a política forestal non se vexa absorbida pola actividade de prevención e extinción de incendios, a Comisión recomenda que no seo da Consellería do Medio Rural haxa una distinción clara e unha separación nítida entre o ente instrumental, o conxunto do dispositivo de extinción de incendios e as unidades directivas encargadas da planificación, xestión e ordenación forestal", a tal efecto o Decreto 149/2018 que establecía a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural creaba, por primeira vez na Xunta de Galicia, un departamento para o exercicio exclusivo das competencias inherentes á política forestal denominado Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal. Devandito decreto outorgou a esta administración forestal, no ámbito das súas competencias, un conxunto de funcións, entre as que se atopaba aquela de “velar polo coñecemento do medio forestal baseado nunha información estatística actualizada”, deste xeito este departamento, presenta os resultados estatísticos do sector forestal de Galicia.

Resultados que ademais poden obter en tempo real, para determinadas producións dos recursos forestais, no Observatorio forestal que dispón a Consellería.

Débese contextualizar esta información dentro dos datos publicados nos Anuarios de Estatística Agraria e Contas Económicas da Agricultura da Consellería do Medio Rural, onde o sector forestal é unha rama agraria dentro do conxunto produtivo dun sector primario galego rico e diverso.

 

Ano 2018

Anuario de estatística forestal (pdf)
Táboas editables 

 

Ano 2019

Anuario de estatística forestal
Versión web
Táboas editables
Datos de aproveitamentos en montes de xestión privada por concellos

 

Ano 2020 e seguintes

A información poderase atopar neste enderezo.
Nota: lémbrase que debido á situación de emerxencia sanitaria causada pola covid-19, e en aplicación da disposición adicional sétima da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, as comunidades de montes veciñais en man común dispoñen dun aprazamento para a renovación de xuntas reitoras, actualización do censo de comuneiros, actualización do libro de contabilidade e a celebración anual de asembleas xerais e, por tanto, a aprobación de actos de disposición e outras obrigas normativamente previstas, como a comunicación anual de reinvestimentos até o 31 de decembro de 2021.