Sector cárnico

Compartir

Galicia conta cunha cabana gandeira distinguida e apreciada polo resultado dunha alimentación de calidade, das melloras en materia xenética, da potenciación das razas autóctonas e da aplicación dos protocolos de sanidade animal existentes.

Mesa da Carne

A Mesa da Carne de Galicia nace co obxectivo de establecer un marco estable de diálogo con representación de todos os axentes do sector.

O carácter que se lle quere conferir a este órgano dende a Consellería do Medio Rural é o da busca de solucións ás demandas de produtores, transformadores e comercializadores.
 
Nas reunións analízase a realidade que vive o sector no momento, abordando aspectos que abranguen desde a produción cárnica en Galicia ata matadoiros, distribución e industrias.

A estas convocatorias asisten, ademais do conselleiro, o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, o director xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal, o director xerente do Centro Tecnolóxico da Carne, representantes dos sindicatos agrarios, a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), a Asociación Galega da Carne (ASOGACARNE), representantes da distribución, a Asociación de Tratantes de Gando de Galicia (ASTRAGAL), a Asociación Galega de Empresarios do Gando (AGEGA), a I.X.P. Ternera Gallega e representantes carniceiros.

O Centro Tecnolóxico da Carne

O Centro Tecnolóxico da Carne é unha fundación de interese galega que pretende dinamizar e mellorar a capacidade competitiva do sector agroalimentario de Galicia.

 A súa actividade organízase en torno a catro eixes fundamentais de actuación:

  •     Servizos a empresas (análises, trazabilidade, seguridade e calidade alimentaria, APPCC, etc).
  •     I+D+i
  •     Formación
  •     Asesoramento e transferencia tecnolóxica, en íntima relación cos axentes do sector.

O CTC presta os seus servizos a todos os colectivos sectoriais que forman parte da cadea alimentaria.

O Centro desenvolve a súa actividade a través de convenios de colaboración asinados con entidades públicas e privadas, de proxectos presentados a diferentes convocatorias e mediante a oferta formativa coa que conta na actualidade.