Permisos para a realización de queimas

Compartir

O PLADIGA define con carácter xeral como ÉPOCA DE PERIGO ALTO os meses de xullo, agosto e setembro, máis un período adicional de aproximadamente un mes en función das condicións meteorolóxicas e de risco.

Fóra da época de máximo perigo de incendios, para realizar traballos en terreos agrícolas e forestais nos que sexa imprescindible facer uso do lume, será obrigatorio dispoñer da correspondente:
 

Comunicación de queima

- Obxecto: queima de residuos agrícolas amoreados.
- Comunicación: presentarase cunha antelación mínima de dous días.
- Restrición: queda automaticamente prohibida a comunicación de queima con Índice de Risco Diario de Incendios (IRDI) moi alto ou extremo.
- Puntos de atención habilitados:

  • Oficinas dos Servizos provinciais de Prevención de Incendios Forestais.
  • Oficinas dos Distritos Forestais.
  • Teléfono 012 de atención e información á cidadanía.

Autorización de queima

- Obxecto: queima de residuos forestais amoreados.
- Solicitude: presentarase cunha antelación mínima de sete días. Require autorización expresa.
- Restrición: queda automaticamente prohibida a autorización de queima con Índice de Risco Diario de Incendios (IRDI) moi alto ou extremo.
- Puntos de atención habilitados:

  • Oficinas dos Servizos provinciais de Prevención de Incendios Forestais.
  • Oficinas dos Distritos Forestais.
  • Teléfono 012 de atención e información á cidadanía.

Queima controlada

- Obxecto: queima que se aplica para o control da biomasa forestal con criterios de idoneidade técnica e baixo a supervisión da Administración.
- Solicitude: solicitude de autorización de queima, informe técnico pertinente e aprobación do plan de queimas, supeditado a idoneidade e dispoñibilidade. Require autorización expresa e presencia de persoal técnico autorizado para a xestión de queimas controladas e con equipos de extinción de incendios.
- Restrición: só poderá realizarse se o Índice de Risco Diario de Incendios (IRDI) é baixo ou moderado.
- Puntos de atención habilitados:

  • Oficinas dos Servizos provinciais de Prevención de Incendios Forestais.
  • Oficinas dos Distritos Forestais.

Na comunicación e na autorización de queima establecerase o día ou días nos que se autoriza a mesma, que obrigará, en todo caso, ao cumprimento da normativa vixente e a verificación da adecuación do Índice de Risco Diario de Incendios (IRDI), segundo o estipulado en cada caso.

A comunicación e autorización de queima será concedida gratuitamente.

O artigo 95 da Lei 7/2012, do 28 de montes de Galicia, establece que “a realización dos aproveitamentos madeireiros implicará a extracción ou trituración da biomasa forestal residual, salvo por dificultades de mecanización xustificadas, por motivos ambientais, orografía ou condicións de pluviometría que supoñan risco de erosión, ou aqueloutras que se determinen mediante orde da consellería competente en materia de montes”.