Esta enfermidade foi detectada por primeira vez en Galicia en novembro de 2007. Desde ese momento en Galicia aplicáronse medidas de vixilancia nos rabaños de bovino, ovino e cabrún, con toma de mostras serolóxicas para a detección da enfermidade nunha mostra representativa dos rabaños e a vacinación de reses fronte aos serotipos do virus circulante nese momento, así como medidas de desinsectación no transporte de animais, dada a implicación de mosquitos vectores na súa transmisión.
Como resultado de todas as medidas sanitarias levadas a cabo, a incidencia da enfermidade foi diminuindo, ata conseguir a Comunidade Autónoma de Galicia o estatus de “zona libre” de lingua azul desde o ano 2015 (Orden AAA 1424/2015).
Actualmente continúa a executarse anualmente o Programa de vixilancia e control da lingua azul, que principalmente susténtase nas seguintes actuacións:
- Vixilancia serolóxica e virolóxica activa:
- Mostraxe en animais sentinelas para detectar a circulación do virus da lingua azul. O control realízase dúas veces ao ano (en abril e xaneiro do ano seguinte), en 60 animais de 6 explotacións sentinelas por provincia.
- Mostraxes por movemento de saída ou de incorporación de animais como consecuencia do cumprimento da normativa vixente en materia de movemento pecuario.
- Vixilancia serolóxica e virolóxica pasiva: vixilancia clínica pasiva, encamiñada a detectar e investigar calquera sospeita da enfermidade. Os posuidores de animais sensibles e os veterinarios en exercicio libre deben comunicar aos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural calquera sospeita de enfermidade
- Vixilancia entomolóxica co obxecto de obter información sobre da presenza de vectores transmisores e a súa distribución. Con ese fin, os servizos veterinarios manteñen unha rede de trampas de captura de mosquitos, que son examinadas todas as semanas do ano para recoller mostras e clasificar e cuantificar as especies de vectores existentes na zona.
- Programa de vacinación voluntaria: Dada a situación de Galicia como zona libre de lingua azul desde xullo de 2015 e continuando coa estratexia vacinal establecida no ano 2011, actualmente a vacinación é voluntaria, a criterio do titular da explotación, que tamén deberá asumir o seu custe económico