Influenza aviaria

Compartir

A Influenza aviaria é, xunto coa Enfermidade de Newcastle, a patoloxía máis importante para as explotacións avícolas, tanto polos elevados niveis de morbilidade e mortalidade que producen como polas importantes restricións comerciais que a súa presenza implica para o sector da avicultura.

Desde o ano 2003 lévase a cabo, tanto en Galicia como no resto do Estado, o Programa de vixilancia da influenza aviaria en España, tanto sobre as aves domésticas como sobre as aves silvestres.

Os estudos epidemiolóxicos realizados ata a data de hoxe sobre esta enfermidade concluíron a gran importancia que teñen as aves silvestres migratorias, e dentro destas principalmente as acuáticas (anátidas e mais familias próximas), na transmisión da enfermidade a outras especies avícolas silvestres ou domésticas.

A situación epidemiolóxica en relación á influenza aviaria está en constante vixilancia en todos os países da Unión Europea. A análise dos focos desta enfermidade comunicados polos países da Unión Europea e outros países europeos do entorno durante o 2021 e 2022 tanto en aves domésticas como en silvestres, constatan un aumento do risco de difusión do virus en Europa.

Neste período existe un constante goteo de focos notificados en diversos países, non só focalizados no período invernal como era esperable segundo aconteceu en tempadas anteriores, senón ao longo do todo o ano. Así, no período 01/08/2021 a 12/01/2022 notificáronse en Europa un total de 687 focos de influenza aviaria en aves domésticas e 978 en aves silvestres en 28 países, incluído España que notificou desde o 01/01/2022 3 focos de IA en aves silvestres nas provincias de Lleida, Ávila e Palencia e 1 foco en aves domésticas nunha explotación avícola de pavos de engorde na provincia de Segovia.

O serotipo circulante maioritariamente en Europa neste período é o H5N1 que non ten demostrado capacicade zoonótica (posibilidade de transmisión ás persoas). En calquera caso recoméndase, como para calquera outra enfermidade dos animais, que as persoas eviten o contacto con aves domésticas ou silvestres atopadas enfermas ou mortas.

Debido á situación descrita, desde xaneiro de 2022 elevouse en España a nivel de risco moi alto a aparición de IAAP nos concellos incluídos nas denominadas Zona de Especial Risco (ZER), e a nivel de risco alto nos concellos incluídos nas Zona de Especial Vixilancia (ZEV), ambas definidas na Orden APA 2442/2006, de 27 de xullo, pola que se establecen medidas específicas de protección en relación coa influenza aviaria.

Esto implica, para os concellos incluídos nas zonas ZER e ZEV, entre outras medidas de bioseguridade, o confinamento en instalacións interiores das aves domésticas criadas no exterior, a prohibición da crianza conxunta de anátidas (parrulos, gansos, ocas...) con outras especies de aves de curral, ou a protección de comedoiros e bebedoiros situados no exterior das instalaciónes, todas elas orientadas a impedir o contacto das aves domésticas coas silvestres. Así mesmo, están prohibidas as concentracións de aves de calquera tipo neses territorios.

Por un principio de precaución sanitaria, estas medidas son igualmente recomendables no resto dos concellos de Galicia.

En Galicia as zonas ZER e ZEV son:

Zona ZER: 
Provincia de Pontevedra: Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa

Zona ZEV: 
Provincia de A Coruña: Cariño, Dumbría, Mazaricos, Ortigueira, Porto do Son, Ribeira, Zas e Vimianzo.
Provincia de Lugo: Ribadeo, Trabada.
Provincia de Ourense: Porqueira, Rairiz de Veiga,  Sandiás,  Vilar de Santos e Xinzo de Limia.    
Provincia de Pontevedra: Moaña, Pontevedra, Poio, Redondela, O Rosal, Soutomaior,Tomiño,Tui; Vilaboa, Vilagarcía de Arousa, Marín e Meis.

As medidas adoptadas pola Consellería do Medio Rural en resposta ao aumento do nivel de risco en Galicia, son entre outras:

  • Aplicación das medidas de restrición citadas na cría de aves nas zonas ZER e ZEV.
  • Control dos movementos de aves de importación ou internos dende zonas con focos declarados tanto na UE como en España.
  • Intensificación do programa de vixilancia en aves silvestres e aves domésticas.
  • Coordinación permanente coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, departamento implicado na vixilancia das aves silvestres.
  • Contacto permanente co sector avícola, achegando información actualizada da situación epidemiolóxica e lembrando a necesidade de reforzar as medidas de bioseguridade das granxas, sobre todo evitando o contacto das aves da explotación con aves silvestres.
  • Remisión de información a todos os concellos incluídos nas zonas ZER e ZEV, así como á Federación Galega de Municipios e Provincias sobre as medidas de bioseguridade que o MAPA decidiu aplicar nesas zonas, as cales veñen especificadas na Orden APA 2442/2006.
  • Visitas periódicas de control sanitario ás explotacións avícolas nas zonas ZER e ZEV.

Os cidadáns que manteñan aves domésticas, tanto en granxas de produción comercial, como para o seu autoconsumo ou ocio, incluídos os currais familiares, deberán:

  • Estremar as medidas para evitar o contacto das súas aves coas aves silvestres (especialmente as aves acuáticas migratorias) ou coas súas dexeccións, evitando tanto o contacto directo como o indirecto a través dos comedeiros ou bebedoiros que poida ter situados no exterior.
  • Comunicar de inmediato aos servizos veterinarios oficiais a sospeita da presenza de influenza aviaria, en especial cando se observe nos animais unha elevada mortalidade e morbilidade asi como, caída da posta de ovos e do consumo de alimentos ou auga. Esta comunicación de sospeita de influenza aviaria afecta tamén no caso de detección en aves silvestres.

A continuación engádense ligazóns a documentos de interese relacionados:

Ademais, na seguinte ligazón da páxina web do MAPA poderá atopar máis información e documentos de interese relacionados coa Influenza aviaria:

https://www.mapa.gob.es/es/ganaderia/temas/sanidad-animal-higiene-ganadera/sanidad-animal/enfermedades/influenza-aviar/influenza_aviar.aspx