O uso racional do medicamento veterinario é unha premisa clave para garantir por unha banda a seguridade alimentaria das producións gandeiras e, por outra, para manter o benestar animal asegurando que estes reciban os tratamentos axeitados para aliviar as súas patoloxías. Na actualidade, cobra unha importancia destacada o uso racional dos medicamentos en relación coas prácticas de loita contra a aparición de resistencias aos antimicrobianos, sendo esta aparición e diseminación un dos principais retos que a saúde humana terá que afrontar nos vindeiros anos. Polo tanto, hoxe é mais importante que nunca que o veterinario complete o seu acto clínico de diagnose coa prescrición de aqueles tratamentos antimicrobianos que estean en sintonía coas pautas de diminución de risco de aparación destas resistencias e mesmo, no seu caso, non se prescriban abtimicrobianos de último recurso en saúde humana de non ser estritamente necesarios.
En Galicia o Plan Xeral de Control Oficial dos Medicamentos veterinarios. Neste plan realízase un control específico sobre:
- Establecementos que realicen actividades de distribución de medicamentos veterinarios.
- Establecementos que realicen actividades de venda polo miúdo dos ditos medicamentos (dispensación).
- Veterinarios en exercicio profesional.
- Establecementos elaboradores de autovacinas de uso veterinario.
- Venda de medicamentos veterinarios por outras canles.
Os pensos medicamentosos tamén son obxecto de control, pero dentro do Programa de Control Oficial da Alimentación Animal
O obxectivo xeral e principal deste Plan de Control Oficial é garantir as condicións de distribución, prescrición e dispensación dos medicamentos veterinarios, así como o seu uso racional nos animais produtores de alimentos. De xeito complementario, tamén se inclúe o control de medicamentos veterinarios destinados a animais non produtores de alimentos.
Ao ser substancias que interveñen na produción, os medicamentos veterinarios poden supoñer un risco para a sanidade e o benestar animal, así como para a saúde pública. Así mesmo o control do uso racional dos mesmos contribúe a mitigar o problema das resistencias os antibióticos , participando así mesmo este servizo activamente no Programa Nacional de control de Resistencias os Antimicrobianos (PRAM) .