Organizacións Profesionais Agrarias e Asociacións Agrarias

Compartir

A Lei 1/2006, de 5 de xuño, do Consello Agrario Galego, recoñece o papel que as organizacións profesionais agrarias cumpren na vertebración social e profesional do sector primario. A súa achega para artellar mecanismos eficaces de participación directa do sector agrario coa Administración e asegurar a presenza dos intereses dos produtores agrarios nos procesos de avaliación e decisión das políticas agrarias, así como o constante traballo a prol dunha garantía de rendas dignas para os agricultores e da mellora da calidade de vida no medio rural contribuíron ao recoñecemento dos poderes públicos da súa lexítima representatividade como interlocutores sociais no eido agrario e mesmo tamén pola sociedade civil como entidades representativas do sector agrario de Galicia.

Por outra banda, a Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación, recoñece a importancia do fenómeno asociativo, como instrumento de integración na sociedade e de participación nos asuntos públicos. Resulta patente que as asociacións agrarias representan os intereses dos agricultores e desempeñan un papel fundamental no desenvolvemento do sector agrario.

En concordancia con esa función vertebradora da trama social do medio rural, cómpre impulsar medidas de apoio institucional ás organizacións profesionais agrarias e ás asociacións agrarias.

 

A finalidade das axudas é a realización de actividades de representación e de formación dos asociados das organizacións profesionais agrarias e asociacións agrarias legalmente constituídas e con implantación en Galicia e dos agricultores galegos en xeral.

 

Entidades beneficiarias

1. As organizacións profesionais agrarias legalmente constituídas en Galicia que concorreron ás eleccións ás cámaras agrarias que tiveron lugar o 26 de maio de 2002, segundo o recollido na disposición transitoria única da Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario Galego.

2. As asociacións agrarias, con ámbito de actuación provincial ou autonómico, legalmente constituídas de acordo coa Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, con código de actividade «811, Agricultura, gandaría, silvicultura, caza, pesca», de acordo co Real decreto 949/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro Nacional de Asociacións.

 

Convocatoria 2022

Axudas concedidas 2022

 

Axudas para a actualización informática das organizacións profesionais agrarias e asociacións agrarias.

A crise da COVID-19 puxo de manifesto que as formas de traballar están a mudar de xeito acelerado en todos os ámbitos da sociedade, na Administración, no sector da empresa privada e tamén nas entidades sociais das cales dependen gran cantidade de persoas asociadas.
 

Para esta nova forma de traballo, con menor presenza física nas oficinas tradicionais e máis traballo a distancia, ben desde os domicilios dos traballadores ou desde as propias explotacións, require unha adaptación das empresas a esta nova forma de traballar, mudando o esquema de traballo nun ordenador individual a un novo esquema baseado en servidores en rede á cal os traballadores acceden desde calquera punto en que se conecten, para o que é preciso que dispoñan de equipamentos potentes e dotados de ferramentas de software.
 

As organizacións e asociacións agrarias non están adaptadas á nova situación creada pola COVID-19 e isto impídelles adecuarse a esta nova forma de traballo tan necesaria e que veu para quedar entre nós de cara ao futuro.
 

Dada a función social que desempeñan e que son entidades sen ánimo de lucro, é preciso axudalas a dotarse das infraestruturas informáticas necesarias para esta nova forma de traballo que se está a instaurar en todos os ámbitos da sociedade e, polo tanto, tamén no ámbito asociativo.
 

Convocatoria 2021 actualización informática

Axudas concedidas 2021 actualización informática