Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia

Compartir

O Pazo de Fontefiz, no concello de Coles (Ourense),  acolle nas súas dependencias o Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia (CRZG),  institución da Xunta de Galicia responsable da elaboración e desenvolvemento dos programas de conservación e fomento de todas as razas autóctonas galegas en perigo de extinción.

O Centro de Fontefiz leva varias décadas traballando na recuperación e  conservación das razas de gando autóctonas e nel desenvólvense os Programas de Conservación ex situ recomendados pola  FAO (Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación) para a preservación e mantemento dos recursos xenéticos animais. É o  Centro de referencia de todas as razas autóctonas galegas en perigo de extinción de gando vacún (Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa), ovino (Ovella Galega), cabrún (Cabra Galega), aviar (Galiña de Mos), equino (Cabalo de Pura Raza Galega), porcino (Porco Celta) e canino (Can de Palleiro). 

Entre os anos 2000 e 2005 realizouse unha profunda restauración do seu entorno e instalacións para adaptalo as novas esixencias de traballo. Produto desta restauración son as distintas dependencias que podemos observar na actualidade, algunhas propias do Pazo en orixe  como a lareira, o pombal ou a capela e outras engadidas por necesidades do Centro como son o Laboratorio e Banco de Xermoplasma ou a Unidade de Recuperación da Galiña de Mos. 

No Centro desenvólvese o Programa de Conservación ex situ-in vivo, formado en base aos exemplares dos rabaños fundacionais das cinco razas bovinas e da raza Galiña de Mos, fundamentais para  evitar a súa desaparición e mesmo para o mantemento da variabilidade xenética das poboacións.

Tamén acolle o Programa ex situ-in vitro.  No laboratorio recóllense e conxélanse as doses seminais dos sementais doantes das distintas especies. As doses pasan a formar parte do Banco de Xermoplasma, peza fundamental deste Programa. Este Banco asegura a supervivencia das razas mediante o mantemento de doses seminais de ovino, cabrún, equino, porcino e bovino, así como embrións de equino e das cinco razas de bovino.

No ano 2001, ponse en marcha no Centro a Unidade de Recuperación da Galiña de Mos. Conta con unha unidade de incubación suficiente para os ovos recollidos nos sete Grupos de Reprodución e parques de descanso adicionais.

Dentro das actividades do Centro, ocupa un lugar destacado a atención ó gran número de visitas que acolle ao longo do ano. Estas visitas realízanas diversos colectivos que deste xeito se achegan o coñecemento do Pazo e instalacións anexas, así como o coñecemento das razas autóctonas, mediante un percorrido guiado no que os visitantes poden observar en vivo unha mostra de exemplares das mesmas.

Neste contexto, desde o mes de setembro, o Centro acolle as fotografías de José Barea nunha exposición que baixo o título de BESTIARIUM, mostra a diversidade de animais domésticos de Galicia e a maior parte das razas locais de tódolos territorios de España.

Este Centro, exerce o control técnico das razas autóctonas ao que se refire o artigo 14 do Real Decreto 2129/2008 polo que se establece o Programa nacional de conservación, mellora e fomento das razas gandeiras de España, coas seguintes funcións específicas:

  • Realizar o control técnico da aplicación das normas establecidas para cada raza, comprobando a súa correcta aplicación e verificando o cumprimento dos criterios do libro xenealóxico, o control de rendementos e o programa de mellora.
  • Supervisar, no seu caso, o cumprimento dos requisitos zootécnicos e xenealóxicos dos animais presentados aos certames de gando selecto.
  • Propor a declaración de extinción do recoñecemento dunha asociación para a xestión do libro xenealóxico, por incumprimento dos requisitos e condicións que o determinaron ou da normativa vixente.
  • Propón as actuacións en materia de xestión dos libros xenealóxicos que deban ser reexaminados.
  • Comprobar, no seu caso, a correcta aplicación das subvencións públicas, así como a xustificación das actuacións financiadas.
  • Promover os intentos de produción de datos experimentais sobre os recursos zooxenéticos autóctonos galegos cientificamente obtidos e estimular a súa publicación en revistas científicas e prensa popular, para o seu coñecemento.