Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader)

Compartir

 

Agader é un ente público da Xunta de Galicia adscrito á Consellería do Medio Rural, creado co fin de promover e coordinar o desenvolvemento rural de Galicia, mellorar as condicións de vida e contribuír a frear o despoboamento do territorio rural galego.

As funcións de Agader están previstas fundamentalmente no Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o Regulamento da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (DOG nº 77, do 20 de abril). O artigo 3º, no punto 2, desa norma recolle as seguintes:

  • Elaborar estratexias e plans integrados de coordinación de actuacións de diversa natureza no medio rural, así como promover avaliacións, independentes dos resultados dos devanditos plans, que permitan a súa revisión.
  • Difundir as políticas e medidas de desenvolvemento rural aplicables en cada momento.
  • Dinamizar e coordinar os grupos de acción local vencellados coas políticas de desenvolvemento rural, con independencia das súas fontes de financiamento e da súa localización.
  • Impulsar a formulación, por parte dos axentes socioeconómicos locais das zonas rurais, de iniciativas e programas de desenvolvemento.
  • Promover e incentivar a cooperación entre os axentes públicos e privados cuxas actuacións incidan directa ou indirectamente no desenvolvemento das zonas rurais.
  • Xestionar os recursos, públicos e privados, que se encomenden de maneira específica á dinamización das áreas rurais de Galicia, en especial os recursos que a Xunta de Galicia destine ao Fondo Galego de desenvolvemento Rural, de conformidade coas leis de orzamentos.
  • As funcións de xestión, control e seguimento dos programas europeos Leader e Proder en materia de infraestrutura rural.