Silvicultores/as activos/as

Compartir
Definicións legais

Persoa silvicultora: aquela que realiza operacións de coidado e tratamento das masas

Silvicultor/a activo/a: persoas ou entidades, con ou sen personalidade xurídica, que sexan persoas propietarias, titulares ou xestoras dos aproveitamentos e servizos ecosistémicos daquelas unidades de xestión forestal que conten cun instrumento de ordenación ou de xestión forestal e sempre que dispoñan ou estean incluídos dentro dun certificado de xestión forestal sustentable emitido por un sistema de certificación forestal recoñecido internacionalmente.

Unidades de xestión forestal (UXF): son montes ou parcelas forestais con lindeiros identificables incluídos nun único instrumento de ordenación ou xestión forestal.

Explotación forestal: unidade de xestión forestal con fins primordialmente de mercado, entendendo esta como o conxunto de bens e dereitos organizados pola persoa titular, arrendataria ou xestora no exercicio da actividade silvícola e que constitúe en si mesma unha unidade técnico-económica.

Certificado de xestión forestal sustentable: título ou documento, expedido por terceira parte independente, que acredita que, nos montes ou unidades de xestión forestal nel incluídos, se leva a cabo unha xestión forestal sustentable, segundo requisitos determinados previamente por un sistema de certificación forestal recoñecido internacionalmente.

Persoas titulares de certificados de xestión forestal sustentable: persoa ou entidade á que se lle expediu un certificado de xestión forestal sustentable.

Do Rexistro Voluntario de Silvicultores/as Activos/as

O artigo 126 da Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galicia crea o Rexistro voluntario de silvicultores activos.

No Rexistro figurará, para cada silvicultor/a activo/a inscrito/a, unha anotación respecto da unidade ou unidades de xestión forestal correspondentes. A unidade de xestión forestal poderá estar conformada por unha única parcela forestal ou por unha pluralidade de montes ou parcelas, que deberán atoparse todas elas situadas dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

A transmisión da propiedade da unidade de xestión forestal, ou do dereito que atribúa o seu uso e gozo, comportará a transmisión da condición de silvicultor/a activo/a ao adquirente, sempre que este manifeste a súa vontade e compromiso de continuar coa súa xestión de conformidade co instrumento de ordenación ou de xestión en vigor. En caso contrario, unha vez comunicada a transmisión, procederase a dar de baixa de oficio a unidade de xestión do Rexistro Voluntario de Silvicultores/as Activos/as.

Os silvicultores/as activos/as poderán actuar por medio de representante ante o Rexistro, de acordo co réxime xeral de representación previsto no artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. En particular, as persoas ou entidades que sexan titulares de certificados de xestión forestal sustentable en vigor, con superficie no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e cos requisitos previstos na lexislación do procedemento administrativo, poderán ser designados como representantes para calquera tramitación ante o Rexistro.

Solicitude para o recoñecemento de Silvicultores/as Activos/as

1. As solicitudes das persoas ou entidades interesadas en que sexan recoñecidas como persoas silvicultoras activas deberán, ademais dos requisitos xerais establecidos no artigo 66 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, presentar a seguinte documentación (modelo sede electrónica Xunta de Galicia, PR004 título “Solicitude de recoñecemento como silvicultor/a activo/a” dirixido á Dirección xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural):

  • Datos identificativos da persoa solicitante.
  • De selo caso, datos da persoa representante.
  • De selo caso, datos da persoa ou entidade que sexa titular dos certificados de xestión forestal sustentable, pudendo ser esta persoa coincidente coa persoa representante.
  • Datos das unidades de xestión forestal (UXF), número, concello ou concellos onde se sitúan e superficie total das UXF obxecto de solicitude.
  • Número de persoas a recoñecer como silvicultoras activas.

Achegar como documentación complementaria a seguinte documentación:

  • Listaxe das unidades de xestión forestal (UXF) que se rexistrarán cos códigos de licenza do sistema de certificación recoñecido internacionalmente. Estas UXF deberán ser identificadas ben (formato *.xls, *.xlsx, *.csv, *.ods):
    • Polo código/s de aprobación do seu instrumento de ordenación ou de xestión forestal (IOXF), ou a través do código/s de adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos outorgados polo órgano forestal, toda vez que todos eles están desagregados nas súas referencias catastrais.
    • Ou ben polas referencias catastrais que correspondan, coa superficie en hectáreas (4 decimais) de inclusión de cada unha delas (nunca superando a superficie de toda a referencia), cando se atopen nas circunstancias establecidas no artigo único do Decreto 32/2016, do 23 de marzo, polo que se modifica o Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia, e por tanto, carezan de instrumento de ordenación ou xestión forestal comunicado ou aprobado polo órgano forestal.
  • Listaxe de persoas a recoñecer como silvicultoras (formato *.xls, *.xlsx, *.csv, *.ods):
    • No caso de que as persoas a recoñecer sexan coincidentes con aquelas declaradas como titulares no instrumento de ordenación ou de xestión forestal (IOXF), non será necesario remitir esta información debendo iso si, sinalar que se atopan nesta circunstancia. Nestes casos será considerado que a porcentaxe de dereito de cada titular é do 100% en calidade de propietario (PR), de non ser así, sinalarase circunstancia diferente, especificando os datos certos (porcentaxe e dereito) a rexistrar.
    • Alternativamente para cada unha das referenzas catastrais das UXF, relacionaranse a persoa ou persoas titulares (NIF e nome) xuntamente coa súa porcentaxe e dereito sobre a parcela catastral (PR: Propiedade, NP: Nuda propiedade, US: Usufructo, CA: Concesión administrativa, DS: Dereito de superficie ou DF: Desfrutador).
  • Documentación que acredite a disposición dos dereitos de uso da superficie das unidades de xestión forestal. Para estes efectos, a xustificación dos dereitos de uso poderá facerse mediante a documentación acreditativa que conste nos rexistros públicos que produzan presunción de titularidade que só poida ser destruída xudicialmente ou, na súa falta, a quen apareza con tal carácter en rexistros fiscais ou, finalmente, a quen os teña pública e notoriamente, aínda que careza do oportuno título (formato *.pdf).

2. O órgano forestal, logo da remisión da documentación requirida, solicitará, de ser o caso, a emenda e mellora da solicitude, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015; en particular, poderá solicitar, de acordo co indicado neste precepto, a aclaración da documentación presentada.

3. Á vista da documentación achegada e, de ser o caso, das súas emendas, o órgano forestal resolverá o recoñecemento como silvicultor/a activo/a. O órgano forestal notificará a resolución de recoñecemento dentro do prazo de tres meses desde a data en que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para resolver. No caso de que non se dite e notifique no indicado prazo a resolución, as persoas ou entidades interesadas poderanas considerar estimadas para os efectos da interposición dos recursos procedentes.

4. O órgano forestal poderá, en colaboración coas persoas titulares de certificados de xestión forestal sustentable e cos sistemas de certificación forestal, realizar controis administrativos co fin de asegurar a veracidade da información.

Dos titulares con terreos inscritos no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas

Aqueles titulares inscritos nunha agrupación forestal de xestión conxunta que posúan terreos inscritos no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas serán dados de alta de oficio polo órgano forestal como silvicultores/as activos/as.

Estes titulares dispoñen dun prazo máximo de tres anos desde o día seguinte á súa inscrición no Rexistro de Agrupacións de Xestión Conxunta para disporen do instrumento de ordenación ou xestión forestal e de certificado de xestión forestal sustentable pertinente.

Vantaxes dos Silvicultores/as Activos/as

Liñas de axuda públicas en materia forestal

Consonte o artigo 121 da Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galicia terán prioridade na concesión de axudas públicas.

Asemade, consonte o Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia, as intensidades de axuda para estes titulares serán aquelas dunha maior porcentaxe (dende o 80% até, incluso, o 100%).

Medidas fiscais

Incentivos fiscais nos tributos autonómicos:

Dedución por arrendamento de predios rústicos: Establécese unha dedución na cota do 100 % na modalidade de transmisións patrimoniais onerosas, do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, no suposto de arrendamento de predios rústicos, sempre que as persoas arrendatarias teñan a condición de silvicultores activos, e sexan titulares dunha explotación forestal á cal queden afectos os elementos obxecto do alugamento, ou ben socios dunha sociedade agraria de transformación, cooperativa de explotación comunitaria da terra ou sociedade civil que sexa titular dunha explotación forestal á que queden afectos os elementos arrendados.

Asemade, aplicarase unha dedución do 100 % da cota do imposto que poida devindicarse como consecuencia das transmisións inter vivos do pleno dominio ou do usufruto de elementos afectos a unha explotación forestal, xa sexa como consecuencia da súa transmisión individualizada ou con ocasión da transmisión inter vivos do pleno dominio ou do usufruto dunha explotación agraria na súa integridade.

Proposta de incentivos fiscais nos tributos estatais para o impulso da xestión forestal sustentable, (artigo 123, da Lei 11/2021, da recuperación da terra agraria de Galicia):

  1. A configuración dun réxime fiscal específico para a figura do silvicultor activo, calquera que sexa a súa forma de organización, como suxeito que desenvolve a xestión forestal sustentable.
  2. A redución do tipo impositivo aplicable no imposto sobre sociedades ás comunidades de montes veciñais en man común.
  3. O establecemento dun réxime fiscal que permita promover a figura do investidor forestal.
  4. O afondamento nos beneficios fiscais para as agrupacións forestais de xestión conxunta no imposto que grave a súa renda.
  5.  O establecemento de beneficios fiscais para a tributación dos dividendos percibidos polos socios das sociedades de fomento forestal.
  6. O afondamento nos beneficios fiscais para as persoas titulares ou xestoras de montes abertais.
  7. A promoción da remuda xeracional e a incorporación de persoas mozas á actividade forestal.