Formación e Transferencia

Compartir

 

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), a través da Área de Formación, Innovación e Investigación Agraria desenvolve e incentiva os procedementos axeitados para a modernización e a innovación tecnolóxica no sector agroalimentario e forestal. Difunde entre a sociedade o resultado dos coñecementos obtidos nos centros de investigación e incrementa, a través dos programas de formación e de transferencia de tecnoloxía, o nivel tecnolóxico dos sectores produtivos.

Para o complexo agroindustrial galego, isto supón poder dispoñer do soporte científico e tecnolóxico necesario para un desenvolvemento sustentable. Entre os obxectivos está desenvolver a investigación agrícola, gandeira e alimentaria, ademais de impulsar o desenvolvemento e a transferencia tecnolóxica.

Ampáranse proxectos que comportan novas orientacións produtivas ou de adecuación ao mercado e ás súas esixencias, actuando en áreas como a investigación e a transferencia de tecnoloxía, a certificación da calidade ou a promoción de iniciativas de mellora específicas.

Os programas de formación agraria e forestal favorecen a profesionalización e a incorporación dos mozos e das mozas ao sector primario e a aprendizaxe permanente dos profesionais do sector. Estes factores son de trascendental importancia para restablecer o equilibrio territorial do País en condicións de vida semellantes ás das zonas urbanas.

A formación continua ofrece resposta ás necesidades dos profesionais, entidades, asociacións e poboación relacionada co sector primario. É unha oferta formativa de calidade que se imparte a grupos reducidos con contidos prácticos, actuais e adaptados ás súas necesidades.