Nova

Compartir

A Xunta destaca o compromiso do Goberno autonómico coas empresas agroalimentarias que apostan pola dinamización do rural dun xeito sostible e innovador

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, visitou hoxe as instalacións da firma Orballo no concello de Paderne, dedicadas á produción de té ecolóxico

No último Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario de Galicia, celebrado no pasado mes de febreiro, esta empresa presentou un proxecto sobre o emprego de sistemas matemáticos en produtos nutracéuticos a base de té e lúpulo

A Xunta, no seu compromiso con este tipo de propostas, este ano destina 2,4 millóns de euros para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cun orzamento global de 2,5 millóns de euros

Paderne (A Coruña), 27 de marzo de 2024

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, José Luis Cabarcos, visitou esta mañá as instalacións da empresa Orballo no concello coruñés de Paderne.

O director da Axencia puxo en valor iniciativas como esta, creada en 2012, co obxectivo de dinamizar o rural e as súas terras dun xeito sostible. Concretamente, Orballo céntrase no sector da alimentación dedicado ao cultivo, produción e envasado de produtos ecolóxicos de orixe vexetal -no seu caso, té-. Por iso, nese compromiso coa sostibilidade, esta empresa está amparada polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica (Craega),

A aposta da pola innovación dentro do sector agroalimentario tamén se reflexa nesta empresa, que na última edición do Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario de Galicia, celebrado o pasado mes de febreiro no CFEA de Sergude, presentou un proxecto sobre o emprego de sistemas matemáticos en produtos nutracéuticos a base de té e lúpulo.

O obxectivo do mesmo, segundo explicaron ao director da Axencia, é o de desenvolver unha liña de produtos nutracéuticos elaborados a base da mestura de folla de Camellia sinensis e de inflorescencias de Humulus lupulus con propiedades saudables, que obtivo resultados favorables, amosando que é posible abordar desde o rural galego iniciativas de desenvolvemento de alto valor.

Fomento da innovación no agro

A Xunta, dentro da aposta pola innovación, convocou unha nova liña de axudas destinada para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cun orzamento de 2,5 millóns de euros, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco das políticas comunitarias.

O obxectivo principal destas subvencións, xestionadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, é fomentar a innovación no medio rural, en áreas prioritarias de actuación tales como a xestión sustentable dos recursos naturais, sistemas agrarios de produción, cadea agroalimentaria, bioeconomía ou aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) ao sector.