Nova

Compartir

A Xunta organiza un curso de aplicador e manipulador de produtos fitosanitarios en Mazaricos

A acción está integrada no Plan de formación ao agro galego que desenvolve a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2020.- A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza un curso de aplicador e manipulador de produtos fitosanitarios dirixido a profesionais do sector agrario ou persoas interesadas en incorporarse a el. Impartido pola Oficina Agraria Comarcal de Santa Comba, o curso terá lugar na Casa da Cultura do concello coruñés de Mazaricos entre os luns 10 e 17 deste mes de agosto.

A acción, que está integrada no Plan de formación ao agro galego 2020, contará cunha duración de 27 horas. Trataranse temáticas como as pragas e as enfermidades que afectan aos cultivos, a preparación e a aplicación dos distintos tratamentos fitosanitarios, así como a súa clasificación e etiquetado, incluíndo referencias aos pictogramas e indicacións das súas embalaxes.

O principal obxectivo do Plan de formación ao agro galego é impulsar o desenvolvemento de actividades formativas, de demostración e información que desenvolve a Consellería do Medio Rural. Con estas accións, preténdese contribuír a que os coñecementos cheguen aos seus últimos destinatarios: agricultores, gandeiros, silvicultores ou representantes da industria agroalimentaria.

Así, trátase de mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades incidindo, cando sexa preciso, na reordenación das producións, no emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación e na protección do medio.

Así mesmo, tamén se promove con esta formación que o sector agrícola e silvícola utilice dun xeito eficiente os recursos, co fin de que sexan economicamente viables, produtivos e competitivos. Tamén se coida o nivel de emisións, co obxectivo de que sexan respectuosos co medio ambiente e resistentes ao cambio climático, ademais de traballar cara a sistemas de produción en harmonía cos recursos naturais esenciais dos que dependen a agricultura e a silvicultura.