Can de palleiro

Compartir
can palleiro

Documentación técnica

Ficha técnica

Datos do Consello Regulador

Ficha técnica
Nome: raza Can de Palleiro.
Outras denominacións incorrectas: can do gando, can das vacas, can da casa, can lobo ou lobeiro.
Área de orixe: todo o agro de Galicia.
Aptitudes: orixinariamente can pastor e de garda, do gando e da casa, pero cunha polivalencia en canto ás súas utilidades (policía, exército, socorro, catástrofes, guía, alfándega, droga, etc.).
Feiras onde se pode ver: Silleda (Feira Internacional Semana Verde de Galicia).
Club da raza: Club da Raza Can de Palleiro.

Historia e orixe da raza
Can de tronco indoeuropeo, o seu agriotipo (antepasado) foi o principal antecesor dos “cans de campesiño” de Centro Europa, acompañando os pobos precélticos atlánticos, centroeuropeos e nórdicos nas sucesivas ondas de invasións (celtas, suevos, visigodos e normandos) que poboaron a vertente atlántica noroccidental da Península Ibérica; comparten unha orixe común cos pastores Belgas, Holandeses, de Picardía, Castro Laboreiro, e Alemáns, entre outros, e foron cruzados moi frecuentemente por este último.

É o can de granxa por antonomasia, que existiu dende sempre en Galicia; recibe o nome de Can de Palleiro, en alusión ao palleiro onde adoita durmir.

Área de orixe e distribución
A súa área de orixe comprende toda a zona atlántica noroccidental da Península Ibérica, a antiga Gallaecia romana.

En canto á súa distribución, atópase por toda Galicia, ao longo do agro galego. Hai animais por terras de Lalín, Dozón, Rodeiro e Agolada (Pontevedra), nos concellos ourensáns de Allariz, Celanova, Xinzo de Limia, A Merca, O Irixo, en terras dos Ancares e no interior da provincia de Lugo, así como por diversas zonas da provincia da Coruña.

Función zootécnica
Empregado como can pastor e tamén de garda, dotado de gran polivalencia, xa que dadas as súas características morfolóxicas e de estabilidade psíquica, podería chegar a desenvolver funcións de can policía, en catástrofes, socorro, rescate, guía, narcotráfico, exército, etc.

Por outra banda, trátase dun fiel compañeiro e coidador que a miúdo vemos acompañando aos maiores da casa nos seus paseos.

Prototipo Racial
1.- Características xerais
Aparencia xeral
Este animal é de tronco indoeuropeo, rústico e corpulento, de tipo lupoide (Mégnin P., 1897), perfil recto, eumétrico, de tamaño medio, duns 60-62 cm na cruz, mesodolicomorfo, de proporcións harmónicas e de constitución forte, con ósos bastante anchos (grosos), característica da súa rusticidade. As femias son algo máis baixas, de aspecto máis lixeiro e de proporcións máis lonxilíneas.

Malia presentar unha osamenta forte non dá unha sensación de gravidez ou de animal linfático, xa que os seus movementos son rápidos e de boa musculación.

Temperamento e comportamento
Can pastor e de garda, polivalente, pois tanto vai coas vacas, arreándoas e gardándoas, como tamén coida da casa. Gardián de proverbial intelixencia, presenta un carácter forte e reservado cos estraños, sendo, ademais, valente e trabador, características que o fan un gran colaborador na condución e garda do gando. Amosa unha gran fidelidade ao seu amo, coa xente da casa tórnase doce e tranquilo.

É necesario destacar a estabilidade psíquica e equilibrada deste animal, propio dun can pastor, polo que esta característica débese coidar en extremo, fomentando a selección de exemplares equilibrados e suficientemente socializados.

2.- Características rexionais
Cabeza
A cabeza é forte, cunha lonxitude aproximada de 4/10 a alzada á cruz, ao xeito dunha pirámide horizontal, con óso denso, proporcionada coa conformación do animal. O cranio é plano e ancho, con arcos superciliares suavemente marcados e concas orbitarias pouco apreciables. A depresión frontonasal non moi marcada. O nariz e o fociño son medianos e angostos, proporcionais ás dimensións da testa. Os beizos son normais e apertados (sen que o superior supere a base das enxivas inferiores), non teñen tendencia a ser colgantes. As mandíbulas son fortes, con arcada dentaria completa e ortognatos, coa trabada en tesoira. Os ollos son de mediano tamaño e de expresión vivaz, de cor variable, dende castaña escura, nas capas negras, ata a cor mel ou amarela; nalgúns exemplares, a pigmentación das pálpebras é negra. As orellas son de inserción alta, grandes e erguidas, cunha implantación un pouco aberta, sendo frecuente a mutilación e a perda da verticalidade nas puntas, polas súas pelexas con outros cans da zona.

Pescozo
Presenta un pescozo musculoso e proporcionado coa cabeza e o tronco. Debe formar un ángulo coa horizontal de 45º, a elevación é máis evidente co can en acción. A pel non forma papada.

Tronco
O corpo no seu conxunto é mediano aínda que lixeiramente alongado. A cruz é forte para a inserción co pescozo; a liña dorso-lumbar debe ser lixeiramente descendente, non debe enselarse, con lombo curto, ancho e forte, a cruz dos cadrís é redondeada. O peito é longo e profundo, o seu perímetro supera nun cuarto a súa alzada á cruz, con fortes costelas que non son aplanadas nin pronunciadas. O abdome é curto e lixeiramente ascendente aos pregamentos do ventre. O rabo é groso, de nacemento alto e presenta abundante e denso pelo, en movemento elévao pero non o leva enroscado na cruz dos cadrís.

Extremidades
As extremidades son rectas e ben verticais, presentando unha forte estrutura ósea. As extremidades anteriores son fortes, secas, paralelas e ben verticais. A escápula forma un ángulo de 45º coa horizontal, uníndose co brazo en ángulo recto (articulación escápulo-humeral). O brazo é forte e musculoso. Os cóbados non deben estar moi separados nin apertados ao peito, con liberdade de movementos. Antebrazos rectos que diminúen o seu grosor de xeito gradual ata as cuartillas. Os carpos son de bo desenvolvemento e fortaleza. Os metacarpos están ben proporcionados, con bo desenvolvemento óseo. Os pés son ovalados, aínda que con certa tendencia a ser redondeados, con dedos grosos e curtos, ben pechados, con almofadas plantares moi duras e unllas curtas e fortes, de cor escura, ou tamén brancas nas capas claras.

As extremidades posteriores son fortes, paralelas, perfectamente verticais posteriormente e con angulacións evidentes. Pernil ancho, musculoso e flexible. Xeonllo forte. Pernas fortes. Xarretes fortes e paralelos. Metatarsos sólidos, robustos e paralelos. Pés ovalados, con tendencia a redondearse, con dedos grosos e curtos, ben pechados, con almofadas plantares moi duras e unllas curtas e fortes, de cor escura, ou branca, nos animais de capa clara. A presencia de esporón e sexta unlla é relativamente frecuente, aínda que non é desexable.

Movemento
Os movementos son áxiles e fortes. O movemento habitual é o paso, trocando ao trote e/ou galope sen esforzo se o traballo o require.

Manto
Pel: a pel tende a ser grosa, sen flaccidez, adherida ao corpo e á testa.
Capa (cor): a capa é normalmente uniforme, presentando unha gran variedade dende areas, canelas, castaños, lobunos e incluso negros; en ocasións poden presentarse exemplares coa capa binaria alobada (pelos de cor amarela e, nas puntas, negra), coa mestura íntima de pelos amarelos e escuros, amarelando no pescozo, gorxa, peito e extremidades, como sucede nos casos de exemplares desta capa (can lobo). Non son aceptables os individuos branco marxados nin aqueles con grandes particularidades brancas.
Pelo: o pelo é mesto, tupido e denso, máis no inverno, por ser este un animal que adoita vivir ao pé da casa, pero sempre fóra, co gando ou no palleiro.

Tamaño e peso
Alzada á cruz: machos 59-65 cm; femias 57-63 cm.
Peso: machos 30-38 kg; femias 25-33 kg.

3.- Faltas
Calquera desviación dos criterios mencionados debe considerarse unha falta, sendo a gravidade desta proporcional ao grao de desviación respecto do estándar.

4.- Defectos
Orixina a diminución máis ou menos acusada dalgunha función determinada do animal, podendo ser total, parcial ou rexional, dependendo do grao no que se vexa eivada a aptitude esencial (coxeiras en extremidades, ablacións ou mutilacións en orellas e rabo, ausencia de pezas dentarias por extraccións, traumatismos en ollos con perda de visión, etc.).

5.- Faltas ou defectos descualificables
Son aquelas características que en absoluto se axustan aos criterios mencionados no estándar da raza e son excluíntes en por si; dependentes dun compoñente xenético que achega uns caracteres non contemplados nin desexados no prototipo racial. Neste sentido, é importante excluír a presenza de animais con anomalías psíquicas e con defectos anatómicos e/ou de tipo, ligados a xenes indesexables, como poden ser as inestabilidades ou desequilibrios de carácter, a timidez ou agresividade extrema sen ningunha provocación, impropios dun can pastor no que debe primar, por riba de todo, o compoñente psíquico do animal, a epilepsia, a ausencia dalgún testículo nas bolsas escrotais (monorquidia e criptorquidia), a displasia de cadeira, a atrofia progresiva da retina, os pechamentos incorrectos das arcadas dentarias (prognatismos e enognatismos), a ausencia de máis de dous premolares, os albinismos, os exemplares branco marxados, as capas brancas ou con grandes particularidades brancas, o iris de cor azul, etc.